O Festival do Pasatempo pecha a edición cunha aposta firme pola música e o patrimonio en Betanzos

O Festival do Pasatempo clausurou a súa edición deste ano tras dúas xornadas nas que o Parque do Pasatempo de Betanzos vibrou con nomes clave da escena musical galega e estatal como Tanxugueiras, Carlos Núñez, ZETAK, Caamaño&Ameixeiras e Antía Muíño. O evento destacou por ofrecer unha experiencia diferente ao público, afastada dos formatos convencionais e marcada pola calidade artística, a cercanía e o valor dun espazo histórico único.
A última xornada estivo protagonizada por dúas xeracións da música galega: a revelación compostelá Antía Muíño e o recoñecido gaiteiro Carlos Núñez. A cantante abriu a tarde cunha actuación intimista e delicada, onde a súa voz e as melodías foron as protagonistas. A emoción culminou co concerto de Núñez, que repasou os grandes éxitos da súa carreira. O momento máis especial chegou cando ambos artistas uniron talentos para interpretar xuntos a emblemática “Lela”, nunha fusión que fixo vibrar ao público e puxo o broche de ouro á edición.
Segundo o director do festival, Jordi Lauren, “é un orgullo celebrar unha nova edición do Festival nun lugar tan especial como este parque histórico, que significa tanto para Betanzos e para Galicia”. Lauren salientou que o certame naceu co obxectivo de unir “música e patrimonio”, e tamén para “xerar actividade cultural, social e económica en Betanzos e a súa contorna”. Destacou, ademais, o impacto positivo no comercio, hostalaría e servizos locais pola chegada de visitantes de distintos puntos de Galicia, así como “o retorno social de prestixio e orgullo que xera o dar a coñecer esta contorna histórica”.
O director fixo fincapé no valor do público como motor do proxecto: “ver como o público responde, asiste, goza dos concertos e valora o espazo e a proposta é o que lles da forzas para seguir traballando”. Todo o equipo organizador, encabezado por PlayPlan, busca consolidar o Festival do Pasatempo como unha cita anual “imprescindible non só pola calidade artística, senón polo valor cultural dun proxecto que visibiliza, reinterpreta e devolve a vida ao noso patrimonio”.
A xornada anterior deixou indiferente. Caamaño&Ameixeiras abriron o festival cunha vibrante reinterpretación da tradición popular, seguidas polas potentes Tanxugueiras, que reafirmaron o seu liderado na música galega actual. O fin de festa chegou da man de ZETAK, o proxecto electrónico de Pello Reparaz, que fixo bailar a todo o público cun directo cargado de enerxía.
O Festival do Pasatempo nace como unha proposta cultural que une vangarda musical e defensa do patrimonio, situando o Parque do Pasatempo —Ben de Interese Cultural— no epicentro cultural da comarca. O espazo, construído no século XIX por emigrantes retornados, segue en proceso de restauración, e o festival contribúe á súa resignificación como símbolo vivo da historia galega.
Rematada esta edición, a organización xa traballa na próxima entrega, coa promesa de seguir apostando por unha programación de calidade nun recinto que é moito máis ca un escenario: é memoria, identidade e futuro.