O Festival do Pasatempo 2025 arrinca con Tanxugueiras, ZETAK e Caamaño&Ameixeiras

ACoruñaXa
A clausura do festival está encabezado por Carlos Núñez que compartirá escenario con Antía Muíño
tanxus-betanzos
28 Jun 2025

O Festival do Pasatempo 2025 deu comezo con forza este venres no histórico Parque do Pasatempo de Betanzos, que un ano máis se converteu no epicentro da música de raíz con proxección contemporánea. A primeira das dúas xornadas reuniu a tres referentes da escena musical en galego e euskera: Tanxugueiras, ZETAK e Caamaño&Ameixeiras.

O arranque da noite estivo marcado pola delicadeza e a intensidade emocional de Caamaño&Ameixeiras, que achegaron a súa reinterpretación da tradición popular galega a un público entregado. A continuación, Tanxugueiras tomaron o escenario cun directo cheo de forza e identidade, demostrando por que seguen a ser un dos nomes imprescindibles da música galega actual. O peche da xornada chegou da man do navarro ZETAK, que coa súa enerxía e son electrónico puxo fin a unha noite inesquecible no recinto brigantino.

Para este sábado está prevista a clausura do festival cun cartel de luxo encabezado por Carlos Núñez, quen chega a Betanzos nun momento de fusión entre a tradición e a vangarda, cunha proposta que explora o universo da folktrónica. “A súa incursión no universo da folktrónica, xunto a produtores e creadoras que están a redefinir os sons da tradición, é outro exemplo da súa visión aberta e innovadora”, destaca a organización. Cunha carreira internacional consolidada, máis dun millón de discos vendidos, premios como o Ondas, a Medalla Castelao e a de Galicia, e dúas candidaturas aos Latin Grammy, Núñez representa o prestixio e a evolución da música galega no mundo.

Compartirá escenario con Antía Muíño, unha das artistas emerxentes máis destacadas da nova canción galega. Con case dous millóns de reproducións do seu álbum debut Carta Aberta, foi escollida como embaixadora da playlist EQUAL de Spotify España, o que a levou ás pantallas de Times Square en Nova York. A súa música “é unha viaxe entre o jazz-pop, a canción alternativa de autora e a música tradicional, perfectamente guiada pola maxia da súa voz”.

O Festival do Pasatempo non é só música. Nace como unha proposta que busca poñer en valor o Parque do Pasatempo, declarado Ben de Interese Cultural. O espazo, construído no século XIX por emigrantes retornados de América, segue en proceso de restauración e o evento quere contribuír á súa visibilización e resignificación. Dende a liña gráfica creada por Rei Zentolo ata as actividades paralelas, o festival convida a redescubrir este "tesouro agochado da historia galega".

 

⚙ Configurar cookies
0.16947197914124