O festival de deseño ‘Galicia Design Week’ regresará á Coruña do 16 ao 24 de maio

A cidade da Coruña acolle do 16 ao 24 de maio o ‘Galicia Design Week’, festival dedicado ao deseño e de referencia neste ámbito para todo o noroeste peninsular, que desenvolve a súa sexta edición co apoio da Xunta para promover e difundir a creación galega e internacional do sector.
O encontro, codirixido por Marta González Rivas e Álex Rico Caramés, e que forma parte da prestixiosa organización World Design Weeks, ofrece unha ampla programación con acceso gratuíto a un total de 21 actividades. Coloquios, exposicións, sesións musicais e gastronomía conforman unha proposta na que o obxectivo é poñer en valor un eido creativo de gran potencial e transversalidade, entre a creación cultural e a produción industrial. A iniciativa tamén persegue fomentar o sentido de pertenza e de comunidade, abrir o deseño galego ao exterior, impulsar colaboracións e proxectos comúns, observar boas prácticas e amosar en Galicia traballos paradigmáticos que se fan noutros territorios.
O calendario de actividade estrutúrase en catro eixes: Pro, con 13 conferencias e dous obradoiros no novo Espacio Avenida de Abanca; Show, con dúas exposicións ao aire libre que xa están á vista do público: unha na praza de Lugo, titulada Designed in Galicia e artellada polo Grupo Malasa co mellor deseño do país no último ano, e outra na avenida da Mariña, #NovoDeseñoGalego, que presenta o máis salientable talento emerxente da nosa Comunidade a través dunha instalación do estudio Flu-or; Sessions, a parte máis festiva do evento con varias citas musicais; e Off, que comprende distintas iniciativas realizadas en colaboración con axentes culturais e sociais da cidade.
A liña Show complétase cun showroom, un escaparate dixital de creacións e espazos de artistas de Galicia que tamén dispón dun punto físico destinado a amosar e poñer á venda traballos das protagonistas da zona profesional desta edición, entre as que se atopan nomes tan recoñecidos como a produtora Canada, a tipógrafa Marta Cerdà ‒ambas as dúas procedentes de Cataluña¬‒ ou a directora teatral pontevedresa Marta Pazos, último Premio da Cultura de Galicia na categoría de Escena. O apartado musical intégrano DJ Certain People, quen festexará o 10º aniversario do seu selo Certain Music; e DJ Gulya, tamén ilustradora, acompañada das obras visuais de Héctor de la Puente.