O festival 'Dálle Donaire' sobe ao Colón coa forza da música e do baile tradicional

ACoruñaXa
A asociación cultural celebrará este sábado 11 de abril a décimo terceira edición dunha cita na que amosará o traballo desenvolvido durante o curso cos seus grupos titulares e coa canteira da escola
A CORUÑA donaire
10 Apr 2026

O Teatro Colón acollerá este sábado 11 de abril, ás 19.00 horas, a décimo terceira edición do festival 'Dálle Donaire', unha cita xa consolidada no calendario cultural coruñés e coa que a Asociación Cultural Donaire levará ao escenario unha mostra do traballo realizado ao longo do curso.

O peso principal do festival recaerá nos grupos titulares da entidade, que nos últimos anos veñen representando a música e o baile tradicional galego en festivais e encontros celebrados en distintos puntos de Europa. O público poderá ver sobre as táboas ao grupo de baile Donaire, ás pandeireteiras Axeitadiñas e á Banda de Gaitas Donaire, que presentarán novas montaxes tras un 2025 no que a asociación conmemorou o seu 25 aniversario.

A cita servirá tamén para dar visibilidade ao labor formativo da escola e á renovación xeracional da entidade. Xunto aos grupos máis veteranos, o festival contará coa participación doutros conxuntos como Cascarilla, Ripadoiro, Paroleiras, Velaí Vai e Rebuldeiras, nun programa que reunirá sobre o escenario diferentes idades e niveis de aprendizaxe.

Coa nova edición de 'Dálle Donaire', a asociación busca volver converter o Colón nun escaparate da tradición galega en movemento, cun espectáculo no que a música e o baile popular compartirán protagonismo coa canteira que garante a continuidade do proxecto.

As últimas entradas continúan á venda a través de Ataquilla, no despacho de billetes da praza de Ourense e no propio teatro o día da función.

0.13891410827637