O festival Dálle Donaire chega o 8 de xuño ao Teatro Colón, homenaxeando ás mulleres galegas

ACoruñaXa
No festival recuperaranse as lembranzas e o legado folclórico que deixaron mulleres dos concellos galegos de Santa Comba, Salvaterra de Miño, Coristanco, Cerdedo, Lobios, Carballo, Padrón, Cuntis e Avión
Imaxe dunha edición anterior do festival Dálle Donaire
30 Abr 2024

O Teatro Colón da Coruña acollerá o vindeiro sábado 8 de xuño o festival Dálle Donaire, un espectáculo folclórico organizado pola Asociación Cultural Donaire coa colaboración do Concello, e que chega este ano á súa undécima edición.

A A.C. Donaire, con dúas décadas de percorrido tras de si, constituíuse no ano 2000. Desde entón, erixiuse como unha das agrupacións culturais de referencia na cidade á hora de visibilizar as músicas e os bailes tradicionais galegos, poñendo en valor o legado das anteriores xeracións e achegándoo ás coruñesas e coruñeses máis novos, un compromiso compartido polo Goberno de Inés Rey en materia de dinamización cultural.

A actuación terá lugar o día 8 de xuño ás 20.00 horas. Nesta edición, o festival Dálle Donaire homenaxeará a diversas mulleres que foron fundamentais á hora de transmitir o folclore tradicional galego. Por iso, na programación do espectáculo terán protagonismo as lembranzas e o patrimonio oral de figuras como Estrela, Evangelina e Preciosa de Negreira de Vilarmaior (Santa Comba), Palmira Garrido (Salvaterra de Miño), María Castro (Coristanco), Manuela Cortizo (Cerdedo), Julia Álvarez (Lobios), Gumersinda Rodríguez (Carballo), Balbina de Carcacía (Padrón) e tamén as pandereteiras de Magán (Cuntis) e as pandereteiras e bailadoras de Liñares (Avión).

Este martes habilitouse a venda de entradas para asistir ao XI festival Dálle Donaire, que están dispoñibles a través da páxina web de Ataquilla e tamén no despacho de billetes do IMCE na praza de Ourense. Tamén se poderán adquirir os pases no propio Teatro Colón, xa o día da actuación, sempre e cando haxa localidades baleiras.

O prezo das entradas é de cinco euros. Aínda que haberá descontos especiais para as persoas posuidoras do Carné Xove, aquelas que estean en situación de desemprego, as e os maiores de 65 anos e tamén familias numerosas, cos pases a catro euros.

0.14013886451721