O Festival Cinema Diverso será no Teatro Colón

ACoruñaXa
O evento, que será do 29 de febreiro ao 2 de marzo, busca amosar as diferentes realidades do colectivo LGTBIQ+ a través do cinema
Cinema Diverso
7 Feb 2024

O festival de cine LGTBIQ+ Norte Cinema Diverso desenvolverá a súa segunda edición os días 29 de febreiro e 1 e 2 de marzo, no Teatro Colón, ampliando a súa duración de dous a tres días, ademais de contar cunha programación paralela que xa está en marcha nos centros educativos da cidade.

Nesta segunda edición haberá tres xornadas, con cinco sesións e un novo encontro con algúns dos artistas e cineastas participantes. O obxectivo do festival organizado polo Concello é amosar as diferentes realidades do colectivo LGTBIQ+ a través do cinema. As entradas pódense adquirir na páxina web e na taquilla do Teatro Colón.

Programación

O xoves 29 de febreiro inaugurarase a partir das 21.00 horas o festival, nun acto presentado pola directora Anxos Fazáns. Proxectarase a curtametraxe documental 'Habitar', da propia realizadora, e a película 'Lobo e cao', de Cláudia Varejao.

O venres 1 de marzo a xornada comezará ás 19.00 horas e o sábado 2 de marzo, ás 12.00 horas, cunha sesión gratuíta na que se proxectarán nove curtametraxes. Pola tarde, ás 18.00 horas, terá lugar a mesa con realizadores e actores das obras do certame e, ás 21.00 horas, proxectarase 'Te estoy amando locamente', de Alejandro Marín. En total, poderanse ver 16 pezas audiovisuais e asistir a un encontro con profesionais.

Creando diversidade

Unha das novidades desta edición será a súa programación paralela, formada polos programas NCD Educa e Creando Diversidade. NCD Educa é unha iniciativa para achegar o cinema LGTBIQ+ ás aulas da cidade e xerar un debate entre a comunidade educativa.

Por outra banda, o festival contará tamén co obradoiro 'Creando diversidade: introdución ao cine con móbil'. O curso, impartido polo cineasta Domingo D. Docampo desde o 12 de febreiro no Centro Cívico da Cidade Vella, está destinado ás persoas interesadas en sacarlle todo o partido ao seu teléfono móbil mediante a creación audiovisual.

Creando diversidade impartirase os luns, mércores e venres desde o 12 de febreiro ata o 23 de febreiro. O sábado 24, realizarase unha masterclass tamén no Centro Cívico da Cidade Vella. As prazas serán para as primeiras 15 persoas que se inscriban, de balde, no enderezo de correo: nortecinemadiverso@gmail.com. A curtametraxe resultante do curso proxectarase o sábado 2 de marzo ás 21.00 horas no Teatro Colón.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.12520313262939