O Faro de Mera únese a unha rede global de comunicacións no International Lighthouse Weekend

O Faro de Mera será un dos protagonistas do International Lighthouse & Lightship Weekend, unha cita que reunirá, os días 16 e 17 de agosto, máis de 329 faros e buques faro de todos os continentes.
Durante 48 horas seguidas, un equipo de radioafeccionados instalará no faro unha estación especial de transmisión, desde a que se establecerán conexións con milleiros de emisoras repartidas por todo o planeta e cos outros faros participantes. O reto desta edición é superar os 4.500 contactos internacionais logrados o ano pasado, difundindo a historia e a importancia do Faro de Mera e reforzando o seu valor como símbolo do patrimonio marítimo de Oleiros.
A actividade é de carácter gratuíto e aberta a toda a cidadanía. As persoas que se acheguen ao Faro de Mera poderán visitar a estación de radio, presenciar en directo as comunicacións e coñecer de preto o labor dos radioafeccionados.
O International Lighthouse & Lightship Weekend é un evento anual que combina a paixón pola radio coa defensa e promoción dos faros como elementos clave da cultura marítima. Ao longo dos anos, esta iniciativa foi quen de crear unha auténtica rede mundial que une persoas, culturas e enclaves singulares como o Faro de Mera.