O estudo micolóxico da Deputación no Pazo de Mariñán arrinca con dúas especies nunca rexistradas en Galicia

ACoruñaXa
A primeira saída de campo da Federación Galega de Micoloxía localizou en Bergondo os fungos Microglossum truncatum e Glutinoglossum triseptatum, ademais doutra especie moi pouco frecuente
DEPU CORUÑA setas
De esquerda a dereita: Glutinoglossum triseptatum, Microglossum truncatum e Galerina atkinsoniana
21 Jan 2026

O Pazo de Mariñán, propiedade da Deputación da Coruña, comezou 2026 reforzando o seu perfil como un dos espazos naturais de maior interese da comunidade. A primeira visita do estudo micolóxico impulsado pola área de Medio Ambiente da institución provincial rematou cun achado salientable: a localización de tres especies de cogomelos de especial rareza, dúas delas inéditas ata agora no catálogo galego.

Segundo a información facilitada pola Deputación, os micólogos da Federación Galega de Micoloxía identificaron no recinto as especies Microglossum truncatum e Glutinoglossum triseptatum, nunca antes documentadas en Galicia. Xunto a elas, tamén se constatou a presenza de Galerina atkinsoniana, un fungo moi pouco frecuente do que só existía unha mención antiga en listaxes previas e sen confirmación.

O traballo, que se desenvolverá entre xaneiro e decembro de 2026, naceu tras as conclusións da I Xornada Micolóxica celebrada o 11 de outubro, na que se puxo de manifesto unha riqueza fúnxica excepcional e escasamente estudada, ao tempo que se advertiu dunha carencia importante: a falta de protección específica.

O proxecto ten un enfoque dobre (científico e conservacionista). A identificación detallada das especies servirá para elaborar ao final do estudo mapas de hábitats e materiais divulgativos (folletos e carteis) que sinalen as especies de valor e recollan a prohibición expresa de recoller cogomelos e de alterar o medio.

A investigación está a cargo da Federación Galega de Micoloxía, entidade que integra 17 asociacións e reúne a especialistas destacados, e inclúe un total de 18 visitas ao longo do ano para facer un seguimento completo en todas as estacións. Co informe final, a Deputación pretende situar Mariñán como referente micolóxico en Galicia, do mesmo xeito que xa é coñecido pola singularidade do seu arborado e pola súa colección de camelias.

⚙ Configurar cookies
0.078826904296875