O Estado comprométese a rematar o paseo da ría e substituír a pasarela ao Castelo de Santa Cruz

GaliciaXa | ACoruñaXa
Unha demanda reiterada por parte do Goberno local de Oleiros nos últimos meses
Imaxe do Castelo de Santa Cruz en Oleiros
6 May 2025

O Concello de Oleiros traslada que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico lle confirmou que acometerá o remate do paseo interior da ría, unha demanda reiterada por parte do Goberno local nos últimos meses tras o que cualifican como un “remate en falso” da restauración da contorna.

O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, celebrou a nova: “Recibimos a agradable noticia de que o Ministerio rematará o paseo con cargo a fondos europeos; para iso o Concello ten que ceder o solo e comprometerse a manter o paseo unha vez que realicen as obras, algo que faremos encantados”.

A comunicación enviada polo Ministerio inclúe tamén a previsión de substituír a pasarela de acceso ao Castelo de Santa Cruz. Ambas actuacións, tanto a de Perillo como a de Santa Cruz, foron abordadas nunha xuntanza celebrada en Madrid o pasado 18 de febreiro co Secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán. Posteriormente, o 8 de abril, Morán visitou a ría en persoa para comprobar o estado actual do paseo e da pasarela.

O alcalde aproveitou para lembrar a postura do Concello durante os últimos anos: “Queda xustificada por tanto a negativa do Concello a aceptar unhas obras que estaban sen rematar, polo que se nos criticaba, pero que o tempo acaba por darnos a razón”.

⚙ Configurar cookies
0.15277791023254