O espírito do SuperDépor volve ao Obelisco: arrinca a celebración do 25 aniversario da Liga

O corazón da Coruña latexa máis forte co recordo dun dos momentos máis inesquecibles da súa historia recente. A alcaldesa, Inés Rey, visitou esta mañá a mostra fotográfica instalada no Obelisco que inaugura as celebracións do 25 aniversario do título de Liga conquistado polo R.C. Deportivo o 19 de maio do 2000. Un fito que marcou para sempre a cidade e que agora revive baixo o lema "O mellor que me pasou na vida", impulsado por unha plataforma de colectivos de afeccionados co apoio do Concello.
"Aquela Liga foi moito máis ca un título deportivo, foi unha xesta que uniu a toda unha cidade e que merece ser celebrada como se merece", declarou Inés Rey, acompañada polos concelleiros Gonzalo Castro e Manuel Vázquez, e polo xornalista Javier Guillén, comisario da exposición.
A mostra, aberta ao público ata o 30 de maio, recolle 26 imaxes únicas dos fotoxornalistas Mero Barral e Jesús Sancho, captadas nas xornadas máxicas do 19 e 20 de maio de 2000. Tamén se expoñen 12 portadas históricas de medios galegos, estatais e internacionais que dan conta do impacto daquela conquista. A exposición inclúe ademais un espazo de recoñecemento aos heroes daquel equipo: xogadores, técnicos, directivos e persoal do club.
Unha semana de homenaxes, encontros e festa
Pero a celebración non remata aí. O venres 23, o Centro Sociocultural Ágora acollerá unha charla-proxección na que participarán protagonistas directos daquel título. Alí presentarase tamén o libro "O mellor que me pasou na vida", unha recompilación de testemuñas de figuras coma Scaloni, Fran, Makaay ou Djalminha, ademais de xornalistas e seguidores, que relatan como viviron aquel maio inesquecible.
O gran broche da semana será o sábado 24 na explanada do Palacio dos Deportes de Riazor, cunha xornada festiva para toda a familia deportivista. Dende as 12:00 horas haberá música en directo, xogos tradicionais, foodtrucks, polbeira, torneo de futbolín, humor e moitas sorpresas, entre elas a presenza da réplica da Copa de Liga, cedida polo club para a ocasión.
O momento culminante chegará pola noite, ás 22.00 horas, coa actuación especial da banda La Mosca Tsé-Tsé, intérpretes do xa himno non oficial da celebración ligueira, "Yo te quiero dar". O escenario completarase con artistas orgullosamente deportivistas como Orquesta Bravú Xangai, La Banda del Camión, Mar de Fondo, Kike Varela e la Yaya DJ, nunha noite pensada para revivir a maxia do SuperDépor.