O Espazo Municipal Ecolóxico de Arteixo acolle o 15 de novembro un obradoiro para crear coroas outonais con elementos naturais

O Espazo Municipal Ecolóxico de Arteixo, situado no Parque de Monticaño, acollerá o sábado 15 de novembro, de 10.00 a 14.00 horas, o Taller de Coroas Outonais, unha actividade formativa organizada por Sumarte e impartida pola creadora Paula Roibal.
Durante as catro horas de duración do curso, as persoas participantes aprenderán as técnicas básicas do deseño floral e da composición con elementos naturais, empregando materiais vexetais recollidos na contorna do propio parque. Cada asistente poderá levar consigo a súa propia coroa decorativa, elaborada con follas, ramas, piñas e froitos secos, inspirada nos tons e texturas do outono.
O custo da actividade é de 25 euros para persoas empadroadas en Arteixo ou usuarias de Sumarte e biciArteixo, mentres que a inscrición xeral é de 35 euros. As prazas son limitadas e poden reservarse a través da web www.sumarte.gal, no correo electrónico cursoseme@sumarte.gal ou nos teléfonos 604 012 930 e 698 193 000.