O espazo de Portas Ártabras acolle mañá a proxección dun documental sobre o Museo das Coleccións Reais
Este xoves 22 de agosto, ás 20.00 horas, Portas Ártabras, o espazo cultural dos Amigos dos Museos de Galicia situado na Rúa Sinagoga nº 22 da Coruña, acollerá a proxección dun documental de gran interese sobre a Galería das Coleccións Reais de Madrid. O evento será presentado polo museólogo Felipe Senén, quen introducirá aos asistentes no contexto e relevancia desta nova institución museística.
O documental explorará a innovadora arquitectura museística da Galería, un proxecto dos recoñecidos arquitectos Tuñón e Mansilla, que respecta os vestixios arqueolóxicos do antigo Alcázar de Madrid e establece un diálogo contemporáneo co Palacio Real. Este centro, deseñado baixo os principios máis avanzados da museoloxía moderna, aborda cuestións como a conservación, o estudo e a exposición de obras de arte.
A Galería das Coleccións Reais alberga unha impresionante colección artística reunida pola Coroa de España ao longo dos últimos cinco séculos, dende os Austrias ata os Borbóns, e que, a partir da Segunda República, pasou a formar parte do patrimonio nacional. A proxección promete ofrecer unha mirada profunda a esta selección única de obras que reflicten a historia e o legado artístico do país.
A entrada ao evento é libre ata completar aforo, polo que se recomenda aos interesados acudir con antelación.