O espazo de Portas Ártabras acolle a lectura dramatizada de 'Baixo o bosque de leite'

ACoruñaXa
O evento contará coa participación dos actores dos grupos teatrais Casahamlet e Studio XXI
Baixo-o-bosque-de-leite---Dylan-Thomas-(1)
29 Jan 2025

O espazo cultural Portas Ártabras, sede da asociación Amigos dos Museos de Galicia, acollerá o xoves 30 de xaneiro ás 20.00 horas unha lectura dramatizada da obra Baixo o bosque de leite do poeta galés Dylan Thomas. O evento contará coa participación dos actores dos grupos teatrais Casahamlet e Studio XXI.

Esta peza, a última escrita por Dylan Thomas, está considerada a súa obra máis emblemática. Cunha linguaxe rica e envolvente, describe con maxistral sensibilidade unha vila costeira de Gales, alternando momentos solemnes con escenas de comedia disparatada e ofrecendo sempre unha visión entrañable dos seus habitantes, tanto vivos coma mortos. A historia, cargada de elementos universais, permite que calquera espectador se recoñeza nos seus personaxes e situacións.

Dylan Thomas (1914-1953) foi un poeta, dramaturgo e rapsoda galés de enorme personalidade literaria. Considerado un neobardo céltico, destacou pola intensidade dos seus versos e a súa extraordinaria voz, que fixo del unha figura esencial na radio e nos recitais poéticos do seu tempo. A súa influencia foi tan grande que o propio Robert Allen Zimmerman, coñecido artisticamente como Bob Dylan, adoptou o seu apelido en homenaxe ao autor galés.

 

0.16463589668274