O espazo de Amigos dos Museos en Portas Ártabras acolle este xoves a proxección dun documental sobre Francisco Leiro

O vindeiro xoves 29 de agosto, ás 20.00 horas, Portas Ártabras acollerá a proxección dun documental que explora o proceso creativo dun dos escultores contemporáneos galegos máis recoñecidos a nivel internacional: Francisco Leiro. A sesión será introducida polo recoñecido especialista en arte Felipe Senén.
Este documental, que por primeira vez ofrece acceso exclusivo aos obradoiros de Leiro en Cambados, Madrid e Nova York, non pretende ser unha biografía nin unha presentación exhaustiva da súa obra. Pola contra, o seu obxectivo é amosar as condicións físicas e mentais que acompañan o proceso de creación do escultor, traballando con materiais como a pedra, a madeira, o barro e o bronce. O equipo de rodaxe seguiu a Leiro durante tres anos, captando a esencia do seu traballo cotián.
A entrada ao evento será libre ata completar o aforo, ofrecendo unha oportunidade única para achegarse á figura deste destacado artista galego.