O Espazo Amizar consolídase como referente sociosanitario na Coruña coa cesión de locais a 14 entidades

ACoruñaXa
Este centro naceu da rehabilitación da antiga sede de Sanidade, cun investimento de sete millóns de euros
amizar-xunta
23 Jul 2025

O Goberno galego deu un novo paso no seu apoio ao tecido asociativo da cidade da Coruña coa entrega formal de 12 locais do Espazo Amizar a 14 entidades que traballan no eido sociosanitario. O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado da delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, foi o encargado de oficializar a cesión, cuxa resolución se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia.

As entidades beneficiarias, en boa parte xa instaladas desde a anterior convocatoria de 2022, son: Acopros, Fundación Abrente, Club Deportivo Inclusivo Enki, Asdegal, Liga Reumatolóxica Galega (Ligal), Afaco, Fundación Salma, Asociación Galega de Lupus, Fundación Ingada, Asociación Juvenil Atlántica, Agaela, Acougo, Cimega e a Asociación Galega de Fibrose Quística, que tamén se incorporará ao terceiro andar do edificio.

Durante o acto, Diego Calvo destacou que a iniciativa responde ao compromiso da Xunta co labor que desenvolven estas entidades e co conxunto do movemento asociativo na cidade. “O Goberno galego quere con esta medida darlles resposta ás necesidades de espazo que viñan rexistrando os colectivos e facilitarlles así un maior crecemento e impulso aos seus proxectos”, sinalou. A cesión será por un período de catro anos e busca consolidar o Espazo Amizar como “buque insignia da cidade no ámbito sociosanitario”.

Este centro naceu da rehabilitación da antiga sede de Sanidade, cun investimento de sete millóns de euros, e conta cunha superficie de preto de 6.000 metros cadrados. Ademais dos locais para entidades sen ánimo de lucro, alberga oficinas administrativas e unha oficina de emprego.

O proceso de adxudicación realizouse por concurso público e responde, segundo o conselleiro, á “vontade de servizo público coa que rexurdiron as instalacións”, co obxectivo de garantir que os servizos se presten nas mellores condicións posibles tanto para os profesionais como para a cidadanía.

⚙ Configurar cookies
0.23165798187256