O equipo cadete feminino do CB Culleredo, entre os 16 mellores por terceiro ano consecutivo

As xogadoras do Club Baloncesto Culleredo acaban de acadar unha nova fazaña no baloncesto de formación: clasificáronse para os oitavos de final do Campionato de España cadete feminino, converténdose no único representante galego —en categorías masculina e feminina— que continúa en competición. Un logro que consolida o proxecto do club e reafirma o seu compromiso coa formación deportiva.
A clasificación chegou tras unha importante vitoria fronte ao Kells College-CB Némesis, nun partido onde as cullerdenses volveron demostrar o seu ADN competitivo: entrega, intensidade e talento. Non é casualidade que este sexa o terceiro ano consecutivo que o cadete feminino do CB Culleredo se sitúe entre os 16 mellores equipos do país, todo un símbolo de estabilidade e excelencia.
“As rapazas teñen algo especial. Chamámoslle garra, corazón e moito basket”, destacan desde o club, que xa mira cara ao vindeiro reto: un duelo de altura contra o Casademont Zaragoza. A cita será este mércores 21 ás 17.00 horas, en La Línea, e poderá seguirse en directo a través de CanalFEB.