O Entroido tradicional de Samede volve o 9 de marzo co seu tradicional desfile e festividades

ACoruñaXa
É o único que se conserva no territorio da Reserva da Biosfera para este 2025
Reserva-entroido
15 Feb 2025

Fíxose pública a programación do único Entroido tradicional que se conserva no territorio da Reserva para este 2025. En Samede, Paderne, esta celebración ten raíces no século XIX, aínda que sufriu unha longa interrupción desde 1961 ata a súa recuperación en 2015.

O evento arrancará o vindeiro 9 de marzo diante da Capela de Samede co tradicional desfile pola aldea, que partirá desde a propia Capela ata o Campo da Festa. Alí, sobre as 13.00 horas, celebrarase o baile infantil da "Muiñeiriña", seguido ás 13.30 horas polo baile da "Muiñeira cruzada".

Ás 14.30 horas dará comezo a comida popular, que se servirá baixo unha carpa cun menú baseado en churrasco a un prezo de 20 euros por persoa. Para participar na comida é necesario inscribirse antes do 5 de marzo.

A xornada continuará ás 16.30 horas cunha sesión de humor protagonizada polo "Enterro do Policarpio", un evento que se estenderá aproximadamente durante unha hora. Posteriormente, ás 17.30 horas, a organización sinalou que "se hai ánimos e xorde a ocasión, haberá foliada libre" na que se anima aos asistentes a acudir co seu propio instrumento e unirse á celebración.

Vixigueiros, farándulos, bonitos e carolos volverán percorrer as rúas de Samede coas súas vistosas indumentarias para manter viva esta histórica festividade, considerada a última do seu tipo en toda a comarca.

Desde a Reserva da Biosfera expresaron o seu agradecemento "tanto ao Concello de Paderne como á Asociación do Entroido de Samede, entidade organizadora do evento, por manter, conservar e poñer en valor este legado".

0.16672897338867