O Entroido toma Teixeiro e Curtis o 17 de febreiro con dúas festas e concurso de disfraces


O Entroido 2026 xa ten data e formato no municipio de Curtis. A xornada central celebrarase o martes 17 de febreiro, desde as 17.00 horas, con dúas festas simultáneas: no pavillón deportivo de Teixeiro e no recinto feiral de Curtis, nas que haberá ambiente festivo e concurso de disfraces.
A organización lembra que no certame se valorará especialmente que os disfraces sexan de elaboración propia e que se empreguen materiais reciclados, co obxectivo de reforzar a creatividade e a parte máis artesanal da festa.
O concurso establece dúas modalidades, infantil (ata 16 anos) e maiores, con premios en vales repartidos entre as dúas celebracións (un gañador en cada festa). No caso infantil, o primeiro premio está dotado con 150 euros, o segundo con 100 euros e o terceiro con 50 euros. Para a categoría de maiores, os vales ascenden a 300 euros para o primeiro premio, 200 euros para o segundo e 100 euros para o terceiro.
Como anticipo da cita, o luns 16 de febreiro haberá multiobradoiros de Entroido ás 11.00 horas nos locais dos servizos de conciliación do CEIP de Curtis e do CEIP de Teixeiro.
A inscrición é obrigatoria para toda a programación e deberá formalizarse antes do 12 de febreiro, mediante o formulario oficial, ben de forma presencial na Casa do Concello en Teixeiro e na oficina municipal de Curtis, ou a través da sede electrónica.