O Entroido en Betanzos enche febreiro de obradoiros e remata co Enterro da Sardiña

ACoruñaXa
Haberá propostas para a cativada no Carregal, baile para a terceira idade, animación na rúa e un ‘Entroido na Cañota’ con 1.200 euros en premios
BETANZOS entroido
9 Feb 2026

O Entroido en Betanzos chega cun programa pensado para todos os públicos e cun final marcado por unha das citas máis tradicionais do calendario, o Enterro da Sardiña. A programación combina obradoiros, actividades infantís, música e actos na rúa, ademais de iniciativas en colaboración coa hostalaría.

A primeira fin de semana inclúe un obradoiro de máscaras de Entroido os días 6, 7 e 8 de febreiro.

Xa a metade de mes, o domingo 15 de febreiro celebrarase unha festa infantil con inchables nas pistas polideportivas cubertas do Carregal a partir das 17.00 horas.

O luns 16, o protagonismo será para a terceira idade cun baile de Entroido na Aula de Cultura Xulio Cuns, amenizado polo Dúo Sonia desde as 18.00 horas. A sesión inclúe tres degustacións con produtos típicos e, xa pola noite, un pasarrúas de animación desde as 22.00 horas.

En paralelo, o Concello impulsa coa hostalaría da zona da Cañota unha programación específica baixo o nome ‘Entroido na Cañota’, que repartirá 1.200 euros en premios e contará con establecementos participantes como O Candil, Tasca Otro Rollo, Adega do Pino e O Globo.

O martes 17 volven as propostas para a rapazada no Carregal desde as 17.00 horas, con animación musical, pintacaras, xogos e obradoiros, e un desfile de disfraces con sorteo de agasallos para pechar a xornada.

O broche final será o mércores 18 de febreiro co Enterro da Sardiña. A comitiva sairá ás 20.00 horas desde o edificio arquivo, percorrerá as rúas e rematará no Malecón coa queima da sardiña no río e unha sesión de fogos de artificio. A continuación, na praza do Campo, terá lugar a queima do deus Momo como despedida do Entroido.

⚙ Configurar cookies
0.080927133560181