O Entroido de Samede preséntase no Concello de Paderne e apela ao relevo xeracional para manter viva a tradición

ACoruñaXa
A festividade, que se celebrará este domingo 22 de febreiro cun desfile pola aldea e saída na igrexa, reivindícase como ‘o único entroido que queda vivo na comarca das Mariñas’
PADERNE presentación entroido samede
19 Feb 2026

O baixo da Casa do Concello de Paderne acolleu a presentación do Entroido de Samede, que se festexará este domingo, 22 de febreiro, co tradicional desfile pola aldea que lle dá nome e con saída, como é costume, desde a igrexa.

O acto estivo conducido polo alcalde, Sergio Platas; a presidenta da Asociación do Entroido de Samede, Emilia Cagiao; e José Antonio Cagiao, testemuña dos primeiros anos nos que se desenvolveu esta celebración. Durante a presentación proxectouse un vídeo sobre este entroido, considerado o único que se mantén vivo na comarca das Mariñas.

Os tres intervincentes coincidiron en subliñar a importancia de seguir celebrándoo ‘non só por mantelo vivo, senón polo orgullo que temos dunha celebración moi nosa’. Ademais, puxeron o foco no futuro da festa e no relevo xeracional, destacando a presenza de nenas e nenos no acto como proba de que a continuidade está garantida.

Ao remate, as persoas asistentes puideron ver unha escolma de imaxes relacionadas co Entroido de Samede, que quedarán expostas temporalmente no vestíbulo do baixo do edificio consistorial.

0.11768889427185