O Entroido de Paderne consolídase cunha festa chea de cor e tradición

Por segundo ano consecutivo, Paderne celebrou o seu Entroido, reafirmando a súa aposta por esta data. A Praza do Telleiro volveu ser o epicentro dunha festa multitudinaria na que persoas de todas as idades gozaron dunha xornada chea de cor, música e animación.
O evento, organizado polo Concello de Paderne, reuniu a centos de persoas que participaron activamente nas diversas actividades programadas. A festa arrincou ás 17.30 horas cunha sesión dedicada aos máis pequenos, que contaron con obradoiros, inchables, un concurso de disfraces con premios e unha mesa infantil. A carpa do Telleiro acolleu unha tarde inesquecible para os nenos e nenas, que aproveitaron as vacacións escolares para lucir os seus mellores disfraces.
Xa pola noite, ás 20.30 horas, a festa tomou un cariz máis adulto coa actuación de Aixa Romay, que animou o ambiente para todas as persoas asistentes. O punto culminante da xornada chegou co concurso de disfraces, no que participaron persoas de todas as idades.
Este ano, como novidade, incorporáronse premios económicos para os mellores disfraces infantís e para os grupos de adultos, ademais da categoría individual de adultos, que xa estaba presente en edicións anteriores.