O Entroido de Paderne aposta por tres días de festa e pon o foco na tradición de Samede

ACoruñaXa
A programación desenvolverase os días 16, 18 e 22 de febreiro con concurso de disfraces no Telleiro, unha xornada de exaltación e o desfile dos Bonitos e Vixigueiros
PADERNE entroido samede
7 Feb 2026

O Concello de Paderne presentou a programación do Entroido 2026 cun cartel que combina festa popular, propostas familiares e a reivindicación dunha das tradicións máis singulares do municipio, o Entroido de Samede. As actividades repartiranse en tres datas, 16, 18 e 22 de febreiro, con actos en Paderne e na parroquia de Samede.

A primeira cita será o luns 16 de febreiro cunha festa que arrancará ás 18.00 horas nunha carpa instalada no Telleiro. A tarde incluirá concurso de disfraces con categoría infantil, xeral e de grupos, ademais de obradoiros para a rapazada, pintacaras e inchables. A animación musical correrá a cargo de ‘Moi’ de Paderne e tamén actuarán As Algharuxeiras. A xornada pecharase cunha merenda popular aberta á cativada e ao público que se achegue a compartir a tarde.

O mércores 18 de febreiro chegará unha das novidades do programa: unha xornada de exaltación do Entroido de Samede, que o Concello presenta como a única manifestación deste tipo na comarca das Mariñas. O acto celebrarase a partir das 19.00 horas no baixo do Concello e incluirá a proxección dun vídeo e a inauguración dunha exposición fotográfica dedicada a esta tradición. Está prevista a presenza do alcalde, Sergio Platas, da presidenta da Asociación do Entroido de Paderne, Emilia Cagiao, e de integrantes do colectivo que mantén viva a celebración.

A programación culminará o domingo 22 de febreiro co tradicional Entroido de Samede. Ás 12.00 horas, os Bonitos e Vixigueiros reuniranse na contorna da Capela e iniciarán o desfile pola aldea ata o campo da feira. Como marca a tradición, haberá muiñeiriña infantil e muiñeira cruzada, xantar popular, o Enterro do Policarpo e unha foliada libre.

O alcalde Sergio Platas animou á veciñanza a participar e puxo o acento en Samede, que definiu como ‘unha das celebracións máis senlleiras da comarca, e atreveríame a dicir da provincia’. Tamén agradeceu o labor da asociación e das persoas que a sosteñen para que ‘algo tan noso siga vivo décadas despois de nacer’, destacando que o obxectivo é fomentar a convivencia e preservar as tradicións culturais da identidade local.

⚙ Configurar cookies
0.079522848129272