O Entroido de Bergondo celebra o 21 de febreiro unha xornada con festa infantil e música no Cruz do Sar

ACoruñaXa
A orquestra Fania Blanco Show poñerá a banda sonora da tarde noite e, no descanso, actuarán os mellores grupos do festival escolar BergondoRisión
bergondo-entroido
9 Feb 2026

O ambiente do Entroido volverá tomar Bergondo o sábado 21 de febreiro coa celebración da XXXIV Festa do Entroido no entorno do CPI Cruz do Sar, unha cita que combina disfraces, animación e música e que este ano suma tamén unha nova edición da Festa da Orella.

A programación arrincará ás 16.30 horas no pavillón cunha festa infantil deseñada para a cativada e as familias, con inchables, desfiles de disfraces e obradoiros creativos. A partir de aí, a tarde irá collendo ritmo ata dar paso á parte máis festiva e gastronómica.

Xa ás 19.30 horas comezará a actuación da orquestra Fania Blanco Show, ao tempo que se porá en marcha a XXIV Festa da Orella, na que se inclúe un donativo destinado ao alumnado de 4º da ESO do centro e na que tamén haberá sorteo de agasallos entre as persoas asistentes.

Un dos momentos sinalados chegará no descanso da orquestra, cando subirán ao escenario os mellores grupos do xa clásico BergondoRisión, un festival impulsado no ámbito do CPI Cruz do Sar que se converteu nunha cita habitual entre o alumnado de secundaria e que, segundo destaca o Concello, garante unha boa dose de humor na xornada.

⚙ Configurar cookies
0.085402965545654