O Ensemble Groba dá o pistoletazo de saída este venres á terceira edición das ‘Noites na Cidade Vella’

ACoruñaXa
O ciclo de concertos, que se desenvolverá en diversos espazos culturais da Coruña ata mediados de outubro, ofrecerá nove actuacións de valde abertas ao público, destacando a participación de grupos como o Trío Ravel e a Orquestra de Cámara Galega
Imaxe da presentación do ciclo 'Noites na Cidade Vella'
10 sep 2024

Este venres 13 de setembro, a Fundación Luís Seoane será o escenario da inauguración da terceira edición do ciclo de concertos ‘Noites na Cidade Vella’. Organizado pola Fundación Rogelio Groba e apoiado polo Concello da Coruña, este ciclo ofrecerá unha programación de nove actuacións de música de cámara que se desenvolverán en diversos puntos emblemáticos da cidade ata mediados de outubro. Todos os concertos serán de balde e de acceso libre ata completar a capacidade dos recintos.

O ciclo comezará ás 20.00 horas coa actuación do Ensemble Groba na Fundación Luís Seoane. Este grupo, coñecido pola súa excelencia en interpretacións de música de cámara, abrirá o ciclo cun concerto que promete ser un espectáculo emocionante. O sábado 14 de setembro, ás 20.00 horas, o Trío Ravel subirá ao escenario no auditorio da sede de Afundación, ofrecendo un recital con obras para violín, violoncello e piano interpretadas por Dobrochna Banaszkiewicz, Suzana Stefanović e Héctor Sánchez.

A programación continuará con destacados eventos durante o mes de setembro. O día 19, ás 20.30 horas, a igrexa das Capuchinas acollerá ao trío de cordas Concerto 1700. O sábado 21, a cidade terá unha dobre cita: ás 12.00 horas, no Museo de Belas Artes, o Dúo Indigo ofrecerá un concerto familiar a catro mans, e ás 21.00 horas, a igrexa de Santa Lucía recibirá a Orquestra de Cámara Galega. O mes rematará cun recital de piano de Nicolás Varela Irvine o día 26, ás 20.00 horas, no paraninfo do reitorado da Universidade da Coruña, na Mestranza.

Outubro dará comezo cun recital de clave interpretado por Maude Gratton o xoves 3, ás 20.00 horas, na Capitanía Xeral. O domingo 6, ás 20.00 horas, David Finckel e Wu Han presentarán un concerto de cello, violín e piano no Teatro Colón. O ciclo pecharase o sábado 12 de outubro, ás 20.45 horas, coa actuación final da Orquestra de Cámara Galega na igrexa dos Dominicos.

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou a importancia deste ciclo no calendario cultural da cidade, resaltando a súa dobre vertente: “Non só destaca pola súa calidade en termos musicais, senón que tamén contribúe a visibilizar o patrimonio histórico e arquitectónico da Coruña.” Na presentación desta terceira edición, celebrada no Palacio Municipal de María Pita, Castro estivo acompañado por Rogelio Groba Otero, director da Orquestra de Cámara Galega, e por Xosé Luis Penas, deputado provincial de Contratación, Patrimonio e Equipamento.

A programación completa e os detalles dos concertos están dispoñibles na web da Fundación Rogelio Groba e nos diferentes espazos culturais onde se celebrarán os eventos.

0.20150589942932