O EMHU homenaxea a Forges cunha exposición ao aire libre no Cantón Grande

A Coruña converterase nun museo ao aire libre da man de Forges, un dos grandes nomes do humor gráfico en España, grazas ao Encontro Mundial de Humorismo (EMHU), que celebra a súa quinta edición do 24 de abril ao 4 de maio.
Durante estas once xornadas, o público poderá visitar no Cantón Grande da Coruña a exposición Guonderful Forges. Os anos da esperanza, un percorrido polas viñetas máis icónicas de Antonio Fraguas "Forges", que retratan con ironía e aguda lucidez o período de transición entre a ditadura e a chegada da democracia en España.
A mostra, comisariada polo recoñecido guionista e humorista Juan Herrera —creador de formatos históricos como Humor Amarillo ou El Hormiguero—, conta coa dirección artística de Ximena Feijoo Merklen e Luis Piedrahita, e co apoio do Concello da Coruña a través de Turismo da Coruña.
Forges, cronista do seu tempo, abordou nas súas viñetas temas tan diversos como a morte de Franco, a liberdade de expresión, os medios de comunicación, a música, o turismo, o feminismo, a anticoncepción, o deporte, a relixión ou a vida cotiá. A súa obra abría cada día pequenas fiestras de liberdade nos xornais, que ventilaban o aire abafante da represión.
“Non hai un anemómetro que mida a brisa da liberdade, e quizais o humor sexa a única ferramenta capaz de facelo. Forges era unha voz única e esencial nese sentido”, afirma Juan Herrera, quen agradece á familia do debuxante a súa xenerosidade por ceder o material para esta homenaxe pública e ao aire libre.
O EMHU, que xa esgotou entradas para case todas as súas funcións, consolídase como a cita escénica con máis asistencia de público en Galicia. Producido por Etiqueta Negra e El Espectador, conta co apoio do Concello da Coruña, Turismo da Coruña, Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, e Estrella Galicia.
Ademais dos espectáculos, o EMHU ofrece actividades paralelas de acceso libre ata completar aforo, como o Match de Impro, a presentación de Atasco, a charla Castelao na arte europea ou a gravación en directo do podcast El sentido de la birra Live, que terán lugar na sede de Afundación.
Estas actividades intégranse no programa Cultura por Alimentos, unha proposta solidaria coa que se convida ao público a facer unha doazón de alimentos non perecedoiros como “entrada simbólica”, en colaboración co Banco de Alimentos Rías Altas.