O Eixo Atlántico traslada o seu apoio unánime para a nova terminal ferroviaria de Ledoño

O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, conseguiu o respaldo unánime do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular para a construción da nova terminal ferroviaria de mercadorías no Centro Loxístico de Transportes (CLT) de Ledoño. A proposta do Concello de Culleredo foi ben acollida pola Asemblea Xeral da entidade, celebrada en Viana do Castelo.
Os representantes dos municipios de Galicia e do Norte de Portugal valoraron positivamente a iniciativa, que convertería a Ledoño nun dos principais nós loxísticos do Eixo Atlántico. A futura terminal conectarase cunha infraestrutura similar en territorio portugués, facilitando as interconexións e fortalecendo a rede de transporte internacional.
Durante a súa intervención, Rioboo agradeceu o apoio recibido e destacou a importancia do proxecto: “O avance económico do territorio do Noroeste benefícianos a todos para impulsar sinerxías e oportunidades de emprego”.
Como resultado da proposta exposta por Rioboo, a Asemblea acordou crear unha comisión de proxectos económicos singulares do Eixo Atlántico, incluíndo a terminal de Ledoño como prioridade. O obxectivo desta comisión é compartir iniciativas e promover plans que contribún ao crecemento económico da rexón. A primeira reunión desta nova comisión poderase celebrar en Culleredo.