O Eixo Atlántico anima en Betanzos ás súas cidades a explorar novas vías de financiamento europeo

ACoruñaXa
Esta acción enmárcase na estratexia da organización para impulsar a formación e o asesoramento técnico ás cidades
betanzos-eixo-atlantico
29 May 2025

O Eixo Atlántico aposta por ampliar a mirada cara a novas oportunidades de financiamento comunitario. Así o puxo de manifesto nunha xornada celebrada en Betanzos, dirixida ás cidades que forman parte da entidade transfronteiriza, centrada en dar a coñecer programas europeos innovadores como Horizonte Europa, LIFE ou a Nova Bauhaus Europea.

Durante o encontro, celebrado baixo o título “Innovando o xeito de pensar os nosos municipios”, representantes destes programas en España e Portugal ofreceron información de primeira man sobre os obxectivos, prioridades e claves para presentar candidaturas exitosas. A cita contou coa participación de Luís Nobre, presidente do Eixo Atlántico; María Barral, alcaldesa de Betanzos; e Xoán Vázquez Mao, secretario xeral da entidade.

Vázquez Mao desbotou a idea de que os fondos europeos poidan desaparecer e comparounos coa materia: “nin se crean nin se destrúen, transfórmanse”, afirmou. Nesa liña, defendeu a necesidade de que os municipios non se limiten aos fondos estruturais clásicos, senón que aposten tamén por novas liñas de financiamento con grandes dotacións e un marcado carácter innovador en políticas urbanas.

Programas como LIFE, que redefiniu os seus obxectivos no ámbito da sustentabilidade e o medio ambiente urbano; Horizonte Europa, centrado na investigación e desenvolvemento sostible; ou a Nova Bauhaus Europea, que integra inclusión, estética e funcionalidade na planificación urbana, representan oportunidades valiosas que desde o Eixo Atlántico se considera prioritario aproveitar.

Esta acción enmárcase na estratexia da organización para impulsar a formación e o asesoramento técnico ás cidades, promovendo así unha maior participación nos novos marcos de financiamento da Unión Europea que permitan mellorar a calidade de vida nas áreas urbanas.

⚙ Configurar cookies
0.16196799278259