O EDM Curtis proclámase campión alevín no Torneo de Nadal de Lugo

O EDM Curtis pechou a fin de semana cun novo éxito no tradicional Torneo de Nadal de Lugo, na súa fase autonómica. O equipo alevín foi o gran protagonista ao proclamarse campión tras vencer na final ao Troula por 5-4, nun partido moi disputado e con emoción ata o asubío final.
Alén do título, tamén destaca o rendemento do equipo benxamín, que realizou un torneo moi completo e quedou ás portas de pelexar polo campionato ao caer en semifinais no último minuto fronte ao que acabaría sendo o gañador. A participación curtiense completouse cos conxuntos prebenxamín, benxamín, alevín e infantil, nunha cita que serve cada Nadal para medir o nivel do fútbol sala de base.
Este resultado dálle continuidade á boa traxectoria das EDM Curtis no torneo lucense, onde na edición anterior o equipo benxamín xa conseguira proclamarse campión, confirmando o peso da canteira do municipio en competicións de referencia.