O dúo La Plazuela actúa este luns nas Noites de María Pita

ACoruñaXa
As Noites de María Pita toman o relevo musical do Festival Noroeste Estrella Galicia que pechou esta nova edición con máis de 135.000 asistentes
Imaxe da La Plazuela
12 Ago 2024

Este luns, 12 de agosto, regresan as Noites de María Pita tras unha pausa durante a celebración do Festival Noroeste Estrella Galicia. A partir das 22.00 horas subiranse ao escenario La Plazuela, que traerá á praza a música e ritmos do sur de España mesturados con electrónica.

A actuación forma parte do programa das Festas de María Pita 2024, co que o Goberno de Inés Rey busca actividades para todo tipo de públicos e idades, tamén na súa vertente musical, que reuniu na praza a artistas como Kate Ryan, Los Planetas ou Omar Montes durante as primeiras semanas de festexos. Nesta ocasión, a formación composta por Manuel Hidalgo e Luis Abril amosarán ao público coruñés a cultura popular andaluza, especialmente a granadina.

A súa música correspóndese coa reivindicación das súas raíces, empregando un discurso actual e renovado que ten como piares principais o flamento, a música electrónica e o nu funk. Presentarán na Coruña o seu último EP, ‘La Caleta’.

Tras eles, pecharán o ciclo Noites de María Pita o martes Ariel Rot e o mércores Budiño. Ambos concertos comezarán ás 22.00 horas.

Servizo especial de transporte

Co regreso das Noites de María Pita tamén volverá a habilitarse o servizo especial de transporte, que implica un reforzo das liñas de autobús operativas ao finalizar os concertos da praza. O dispositivo terá saídas centralizadas en Porta Real a partir das 23.30 e as liñas que se reforzarán serán as seguintes:

● Liña 1, con cobertura ás zonas da Palloza, A Gaiteira, Os Castros, O Castrillón e a avenida de Monelos.
● Liña 1-A, con cobertura ás zonas de Catro Camiños, a avenida Salvador de Madariaga, Matogrande e Eirís.
● Liña 3-A, con cobertura ás zonas de Labañou e Os Rosales.
● Liña 6, con cobertura ás zonas de Juana de Vega, praza de Pontevedra, avenida de Fisterra, O Ventorrillo e Meicende.
● Liña 7, con cobertura ás zonas de Juana de Vega, O Peruleiro, rolda de Outeiro, O Ventorrillo e Vila de Negreira.
● Liña 11, con cobertura ás zonas de Juana de Vega, praza de Pontevedra, Juan Flórez, Pla e Cancela e Os Mallos.
● Liña 21, con cobertura ás zonas de Ramón y Cajal, Pablo Picasso, O Birloque e Novo Mesoiro.

0.1919960975647