O dúo Amistat debuta en Galicia dentro do ciclo Intermodal, que tamén traerá a Mariza á Coruña

O Teatro Colón da Coruña será o escenario da primeira actuación en Galicia de Amistat, o dúo formado polos xemelgos Josef e Jan Prasil, recoñecidos polas súas harmonías vocais e un estilo íntimo que mestura folk-pop e emoción directa. A cita será o vindeiro venres 21 de novembro ás 21.00 horas, dentro do ciclo musical Intermodal, unha iniciativa que conta co apoio do Concello da Coruña.
Tamén dentro deste ciclo, a cidade recibirá a visita dunha das grandes figuras do fado portugués e da música internacional: Mariza, quen actuará o 7 de decembro no Palacio da Ópera, nunha das paradas máis destacadas da súa xira.
“Desde o Goberno de Inés Rey continuamos impulsando actuacións musicais únicas na nosa cidade, traendo artistas de gran relevancia internacional que non é doado velos en moitas cidades a nivel nacional, como neste caso”, subliñou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.
Amistat: harmonía, emoción e conexión en directo
Nacidos en Alemaña e criados en Italia, os irmáns Prasil teñen raíces na República Checa e Australia. Foi precisamente en Australia onde deron os primeiros pasos profesionais antes de regresar a Europa en 2019. Desde entón, consolidaron un estilo que evoca a Simon & Garfunkel e recolle influencias de artistas como Ben Howard, Kings of Convenience ou Kodaline.
A súa música —profundamente emocional e conectada coa experiencia humana— cobre vida en directo, onde logran crear un refuxio para a conexión emocional, a curación e a inspiración. As súas voces, distintas pero complementarias, crean unha sinerxía única que se experimenta mellor en primeira persoa.
Desde 2012, o dúo publicou seis EPs e o seu primeiro álbum, Parley, co que realizaron xiras por Australia e Europa. A súa traxectoria inclúe festivais como o Woodford Folk Festival ou o National Folk Festival, e o recoñecemento como Mellor Artista Emerxente do Ano no Festival Folclórico de Port Fairy en 2018. En 2022 chegaron a ofrecer máis de 150 concertos en menos de sete meses.
Tras unha xira europea en abril de 2024, Amistat regresa aos escenarios cun novo impulso. O seu máis recente traballo, Colour in Life, é unha homenaxe á beleza das conexións humanas: falan da xente que coñecemos e da cor que achegan ás nosas vidas.
Mariza: a voz do fado con proxección internacional
Con máis de dúas décadas de carreira, Mariza consolidouse como unha embaixadora global do fado, levando este xénero tradicional por novos e atrevidos camiños sen perder a súa esencia.
De fenómeno local lisboeta pasou a conquistar escenarios internacionais, sendo considerada por moitos a voz portuguesa máis relevante desde Amália Rodrigues. Ao longo dos anos compartiu escenario con artistas como Lenny Kravitz, Sting, Gilberto Gil, Miguel Poveda ou Cesária Évora, mantendo sempre unha esixencia musical altísima.
No seu repertorio actual, ademais do fado clásico e contemporáneo, Mariza incorpora estilos como as mornas caboverdianas, o rhythm & blues ou cancións doutras latitudes que lle resultan persoalmente significativas.
Con estes dous concertos, o ciclo Intermodal reafirma a súa aposta pola calidade artística e pola diversidade musical internacional, situando A Coruña como parada obrigada para artistas de primeiro nivel.