O domingo 7 de xullo Vilasantar celebra o II certame de pintura rápida Xosé Casal

ACoruñaXa
Os participantes deberán realizar unha pintura en calquera técnica pictórica, inspirada na contorna das parroquias de Présaras, Vilariño e A Laxe
Imaxe do cartel do II certame de pintura rápida Xosé Casal
17 Xuño 2024

O Concello de Vilasantar vén de publicar as bases do segundo certame de pintura rápida Xosé Casal, en homenaxe ao pintor, gaiteiro e compositor nacido na parroquia vilasantaresa de Barbeito. Os artistas participantes, afeccionados ou profesionais, terán dende as 9.00 ata as 17.00 horas do domingo 7 de xullo para realizar unha pintura en calquera técnica pictórica, inspirada na contorna das parroquias de Présaras, Vilariño e A Laxe.

O xurado, composto por persoas cualificadas e profesionais do mundo da arte, repartirá catro premios ás obras máis relevantes. Así pois, o Concello de Vilasantar patrocinará o primeiro galardón, por un valor de 1.000 euros; o segundo premio será patrocinado por GSV Agro, valorado en 500 euros; o terceiro premio, patrocinado por Fontambre SL, ascenderá a 400 euros; o cuarto premio será unha achega de 300 euros de Bacalaos Boado e finalmente a asociación Pintores de Galicia achegará os 300 euros do quinto premio.

Neste sentido, as obras premiadas pasarán a ser propiedade das entidades patrocinadoras, mentres que o resto poderán ser expostas ao público asistente para a súa venda. Por este motivo, o alcalde de Vilasantar, Fernando Fernández Pérez, convida á cidadanía a achegarse á casa do concello para poder admirar as obras e, a partir das 18.00 horas, negociar a compra se algunha lles resulta interesante.

Na edición do ano pasado, na que participaron 31 artistas, o recoñecido pintor Raúl Gil Bures fíxose co primeiro premio do certame, onde o propio Xosé Casal, membro do xurado, louvou o cadro galardoado, unha vista traseira lateral da igrexa de Santa María do Mezonzo. Actualmente esa obra colga nas paredes do salón do pleno do Concello de Vilasantar, onde tamén se atopan varios cadros cedidos ao municipio por Xosé Casal.

II Certame de pintura rápida Xosé Casal
0.15340495109558