O documental 'Mamá, futbolista quero ser’, repasa a vida da coruñesa Irene González Basanta

ACoruñaXa
Gonzalo Castro destacou a visibilidade que o Goberno local da cidade lle dá a unha figura clave para promover a igualdade no deporte
Imaxe da presentación do documental 'Mamá, futbolista quero ser’
25 Jun 2024

O Pazo de María Pita acolleu este martes 25 de xuño a presentación do documental ‘Mamá, futbolista quero ser’, que repasa a vida e a traxectoria de Irene González Basanta. O acto contou coa presenza do concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, acompañado polo concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez. Na rolda de prensa tamén interviron Ana Viqueira, guionista e produtora do documental, e Fernando del Moral, sobriño-neto de Irene González Basanta.

Esta peza audiovisual está promovida polo Concello en colaboración con Nós Televisión e a súa estrea será o 5 de outubro nas plataformas Movistar Plus, R e nas redes da propia Nós Televisión.

“Desde o Goberno de Inés Rey consideramos moi importante e necesario darlle visibilidade a vida de González Basanta, pois é un exemplo para promover a igualdade no fútbol e no deporte”, sinalou Gonzalo Castro. A coruñesa foi, na década de 1920, a primeira muller en cobrar por xogar ao fútbol e chegou a fundar o seu propio club, o Irene CF, do que era a capitá e gardameta.

Por medio deste documental, ‘Mamá, futbolista quero ser’, o Concello da Coruña afonda aínda máis na súa figura e na transcendencia que tivo na súa época. Ademais, esta peza audiovisual tamén se centra nas voces das futbolistas de hoxe en día para amosar os avances acadados durante estes anos. No documental participan familiares da futbolista coma o seu sobriño neto Fernando Del Moral e outras voces expertas coma o xornalista Rubén Ventureira e a ex xogadora Pilar Neira.

‘Mamá, futbolista quero ser’ formará parte dun programa de proxeccións do Concello a partir do mes setembro para darlle a coñecer á cidadanía a figura de Irene González Basanta, sobre todo entre as xeracións máis novas. Ademais, xa en outubro, estrearase en plataformas cunha audiencia potencial dun millón de persoas en Galicia e de 10 millóns no conxunto de España.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.20139908790588