O Día das Letras Galegas rende hoxe homenaxe a Luísa Villalta

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
Foi unha escritora prolífica e versátil, autora de poesía, narrativa, ensaios, pezas dramáticas, textos xornalísticos e tradutora
luisa-villalta-letras-galegas
Luísa Villalta
17 May 2024

A Real Academia Galega escolleu a figura de Luísa Villalta o Día das Letras Galegas 2024. Luísa Villalta constitúe unha destacada representante da cultura galega contemporánea, tanto no ámbito musical como no literario; a súa obra abarca todos os xéneros (poesía, teatro, novela e ensaio literario) sempre dende unha perspectiva renovadora e orixinal. Ademais, foi coñecida polo seu grande activismo cultural, que de xeito constante e desinteresado levou a cabo en colaboración con diversas asociacións culturais, colectivos e proxectos de diversa índole.

Luísa Villalta Gómez nace na Coruña no ano 1957, estuda na USC, onde se licencia en Filoloxía Galego-portuguesa e Hispánica. Era tamén titulada superior en violín, ou violino (como ela lle chamaba sempre ao seu instrumento). Formou parte da Xove Orquestra de Galicia e da Orquestra de Santiago de Compostela, así como doutros grupos de cámara.
Foi unha escritora prolífica e versátil, autora de poesía, narrativa, ensaios, pezas dramáticas, textos xornalísticos e tradutora.

Paralelamente á súa traxectoria como autora, desenvolveu unha intensa actividade cultural. Participou en seminarios, recitais de poesía, deu conferencias e colaborou en numerosas publicacións periódicas, como Man Común, A Nosa Terra, Festa da Palabra Silenciada, Tempos Novos, Grial, Luzes de Galiza, Agália, Boletín Galego de Literatura, A Trabe de Ouro, Enclave, Página abierta, etc

Muller comprometida formou parte activa na AELG, no Foro da Cultura Galega, na Mesa pola Normalización Lingüística, etc. Foi militante do Bloque Nacionalista Galego.

A súa esencia persoal e creativa era unha fusión, unha dobre pertenza á música e á poesía. De feito o seu primeiro poemario, leva o título de Música Reservada (1991).

Luísa fixo da Coruña o espello da súa obra, unha Cidade Alta reflectida no seu premiado libro En Concreto (Espiral Maior, 2004), no que atopamos un dos mellores epítetos para ela “cidade tatuada na pétrea pel do mar”.

Postumamente, publicouse Papagaio, con fotografías de Maribel Longueira, obra que se adentra no famoso barrio de putas da cidade e recolle o desacougo vital das derradeiras habitantes.

Porén a súa actividade literaria foi máis alá da poesía. Publicou tamén 3 textos narrativos e catro pezas teatrais, ademais de traducir varias pezas dramáticas do italiano.

Tamén se ten revelado como asidua analista e intérprete da literatura nos libros ensaísticos O don Hamlet de cunqueiro: unha ecuación teatral (1992) e O outro lado da música, a poesía ( 1999), no que traza unha orixinal visión da poesía galega desde o punto de vista da relación ancestral desta arte coa música.

A morte chegou para Luísa dun modo inesperado, por causa dunha meninxite, o 6 de marzo de 2004. Tiña 46 anos e unha vida chea de proxectos.

Repousa no cemiterio de Santo Amaro.

Desde ese momento sucedéronse iniciativas que lembran o seu nome e o seu labor, tanto desde o IES Isaac Díaz Pardo de Sada –onde ela foi profesora– , como desde a Comunidade Universitaria e a Deputación da Coruña.

obra-de-luis-villalta

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.13802790641785