O Día da Ciencia na Rúa reúne arredor de mil participantes con actividades innovadoras

A Coruña viviu unha nova edición do Día da Ciencia na Rúa, un evento organizado polo Concello, a Asociación de Amigos da Casa das Ciencias e a Cátedra Emalcsa-UDC, que congregou a arredor de mil participantes e numeroso público asistente no parque de Santa Margarida.
“O meu Goberno municipal mantén máis vivo que nunca o legado que nos sitúa como unha das grandes capitais da divulgación científica, grazas a unha rede de museos de primeiro nivel nacional e a numerosas entidades e agrupacións que colaboran cada ano en eventos coma este, moi especial para a nosa mocidade”, sinalou a alcaldesa, Inés Rey, durante a súa visita.
A xornada contou coa participación de 54 centros educativos procedentes da Coruña e doutros municipios como Betanzos, Cambre, Carral, Arteixo, Cerceda, Culleredo, Coristanco, Oleiros, Ordes, Pontedeume, Outes, Ribadeo, Miño, Ortigueira, Baio, Ribeira e Poio. Entre as propostas presentadas destacaron actividades baseadas nas tecnoloxías máis actuais, como o recoñecemento facial con intelixencia artificial, téxtiles electrónicos para describir o corazón, invernadoiros intelixentes, un modelo de satélite artificial ou aplicacións de robótica.
Tamén houbo espazo para propostas que mesturaban ciencia con arte, ilusións ópticas, maxia, son, e proxectos sorprendentes sobre a creación de nubes, o Sistema Solar, foguetes ou observación de microorganismos ao microscopio. Moitas das actividades centráranse en temas de actualidade como a crise climática, a sustentabilidade e a conservación do medio ambiente.
Ademais do alumnado de todos os niveis educativos, participaron profesionais da investigación e da divulgación, representando entidades como a Cátedra Emalcsa-UDC, a Facultade de Ciencias da UDC, a Escola de Enxeñeiros de Camiños, o CICA, o CITIC, o CITEEC, a Unidade de Divulgación Científica da UDC, o Centro Oceanográfico da Coruña, o INIBIC, o Servizo Municipal de Educación, a asociación Luzada da USC, o CITMAga e a Axencia Galega de Órganos e Sangue.
Como é tradición, o Día da Ciencia na Rúa tamén contou cun concerto especial da Banda Municipal de Música da Coruña, que puxo fin ao seu proxecto ‘Vai a Banda’, unha iniciativa municipal para achegar a música aos centros educativos. Durante toda a xornada, a entrada aos museos científicos da cidade —Aquarium Finisterrae, Domus e Casa das Ciencias— foi gratuíta, rexistrando unha gran afluencia de público.