O derrubo do 'escaléxtric' arrinca sen colapsos nos accesos á cidade

ACoruñaXa
O corte total da AC-12 para demoler o viaduto do CHUAC mantén, polo de agora, unha circulación fluída, con Alfonso Molina como principal vía de entrada e Casablanca como punto clave dos desvíos
A CORUÑA derrumbo scalextric
30 Mar 2026

A primeira mañá do corte total da AC-12, motivado polo derrubo do viaduto de acceso ao CHUAC, desenvolveuse sen o colapso que se temía nos accesos á Coruña. Nas primeiras horas da xornada, a circulación mantívose relativamente fluída e Alfonso Molina asumiu sen grandes incidencias boa parte do tráfico que habitualmente entra pola avenida da Pasaxe.

A situación tamén foi estable noutros puntos sensibles da rede viaria. Na rotonda da Casa do Mar non se rexistraban complicacións destacadas, mentres que en Matogrande tampouco se apreciaban grandes retencións. Si comezaba a notarse máis movemento de vehículos cara á estrada do Porto para enlazar coa rotonda de Casablanca, un percorrido chamado a gañar peso durante estes tres días de peche. A menor intensidade de tráfico propia da Semana Santa e a ausencia do transporte escolar están a contribuír, ademais, a suavizar o impacto da restrición.

O corte afecta a un treito duns 300 metros da AC-12, entre a contorna de Servisa e o Burger King, e manterase durante os días 30 e 31 de marzo e 1 de abril para permitir a demolición do coñecido como 'escaléxtric'. Segundo os itinerarios difundidos pola Xunta, os vehículos que chegan desde a Ponte da Pasaxe ou a AP-9 deben desviarse por Alfonso Molina, saír cara ao Porto e continuar por Matogrande ata Casablanca para acceder ao complexo hospitalario. Desde o interior da cidade, as alternativas pasan pola estrada do Porto, polos viarios de servizo da avenida da Pasaxe ou polo percorrido Monelos, Javier López López e Lamadosa.

A reorganización tamén afecta ao transporte público. O Concello habilitou un mapa interactivo cos itinerarios recomendados cara aos hospitais e a Compañía de Tranvías modificou temporalmente seis liñas urbanas (12, 12A, 17, 20, 22 e 2A). As liñas 20 e 22 son, durante estes días, as únicas que manteñen a conexión directa entre o CHUAC e o Materno, reforzadas con vehículos adicionais para facilitar os transbordos.

Máis alá destas tres xornadas, as obras seguirán condicionando a mobilidade na contorna hospitalaria. O acceso a As Xubias de Abaixo queda reordenado durante aproximadamente un mes por mor dos traballos xunto ao pazo de Guyatt, cun paso alternativo regulado por semáforos desde o ámbito do Materno. Polo de agora, porén, a cidade supera o primeiro exame do corte con máis normalidade da prevista.

0.13699102401733