O deporte, a cultura e a mocidade centran as propostas do Pleno Infantil de Betanzos polo Día da Constitución

Betanzos celebrou o seu Pleno Infantil con motivo da conmemoración do Día da Constitución, nunha sesión na que o deporte, a cultura e a participación da mocidade na vida social da cidade foron os grandes protagonistas. A actividade estivo organizada pola Concellería de Educación en colaboración cos colexios Vales Villamarín e Atocha.
En total participaron 17 alumnos e alumnas de 6.º de Educación Primaria, o mesmo número de concelleiros que compoñen a Corporación municipal. Do colexio Atocha tomaron parte a alcaldesa infantil, Noa Servia Castronovo, xunto con Daniel Díaz Mariño, Xoel Sánchez Nogueira e Ana Molinero Teijeiro. Polo colexio Vales Villamarín asistiron Adam Doukali Mandián, Amin El Sahouari Oumezough, Antia García Rodríguez, Yeray Antón Boado, Iria Ferreiro Ucha, Rosalía Capón Ferreiro, Nicolás García Casanova, Sthefany Zuaznabar Domínguez, Simón Gilsánz Rubal, Daniela Bello Eiroa, Andrea Piñón Vieites, Andrés Taboada Fernández e Daniela Vilariño Barcia.
Durante a sesión, o novo 'pleno' infantil puxo enriba da mesa unha batería de propostas centradas, en boa medida, en ampliar a oferta cultural e de lecer adaptada ás idades máis novas. Entre elas, programas como 'Xóvenes talentos', concertos mensuais de bandas locais en espazos públicos ou percorridos guiados pola cidade, co obxectivo de incentivar a participación da rapazada na vida social e cultural de Betanzos.
Outro bloque de iniciativas xirou arredor do deporte e das actividades extraescolares. Os representantes dos dous centros solicitaron axudas para que máis alumnado poida acceder a este tipo de actividades e demandaron a creación de novos espazos para a práctica deportiva, incluída a construción dunha pista de skate.
O grupo de concelleiros e concelleiras do Vales Villamarín puxo tamén o foco no comercio local e na vivenda, propoñendo medidas para promover a ocupación dos baixos do casco histórico con novas actividades comerciais, así como liñas de apoio ao alugueiro e á rehabilitación de vivendas.
Entre as propostas aprobadas por unanimidade figurou ademais a creación dun espazo cuberto para 'xente nova', concibido como punto de encontro con sala de televisión, zona de xogos e área para obradoiros. A modernización tecnolóxica tamén estivo presente no debate: os escolares suxeriron aplicar a intelixencia artificial á xestión da rede semafórica, organizar obradoiros dixitais para persoas maiores impartidos polo propio alumnado baixo o nome de 'Tecnocrea' e mellorar os accesos a internet na zona rural.
A alcaldesa, María Barral, puxo en valor o traballo realizado polos 'concellleiros' dos dous centros e subliñou que as propostas formuladas abordan cuestións moi presentes no día a día da cidade, algunhas competencia directa do Concello e outras doutras administracións. 'Teredes en conta esas propostas, que nunca caen en saco roto. Este pleno non é un mero trámite, a esta Alcaldía interésalle e moito o que pensades e propoñedes', asegurou a rexedora, que animou a seguir escoitando e impulsando a participación da infancia na vida municipal.