O delegado do Goberno invita aos maiores de 65 anos a aproveitar o programa do cine a 2 euros

ACoruñaXa | OurenseXa
Pedro Blanco confía en aumentar as cifras da primeira edición deste programa, na que 16.681 persoas en Galicia aproveitaron este desconto e 167 salas de cine se adheriron á iniciativa
Imaxe do delegado do Goberno en Galicia no cine Os Cantones na Coruña
8 Maio 2024

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, animou este martes ás máis de 700.000 persoas maiores de 65 anos en Galicia a aproveitar a nova edición do Programa ‘Cine Sénior’ do Ministerio de Cultura e Deporte, que abarata as entradas a sesións de cine os martes ata os 2 euros.

Pedro Blanco, xunto á subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, e o xerente dos Cantones Cines da Coruña, Ricardo Magán, acompañou onte pola tarde a un grupo de persoas maiores de 65 anos á proxección da película ‘Menudas piezas’.

O delegado amosou a súa confianza en que o programa deste ano, que comezou o pasado 30 de abril, aumente as cifras acadadas na súa primeira edición, que se estendeu entre xullo e decembro do ano pasado e na que participaron 167 salas de cine en Galicia e un total de 16.861 persoas. Este ano o programa estenderase ata o mes de decembro e conta cun orzamento de 12 millóns de euros, dous máis que na pasada edición.

Ademais, Pedro Blanco engadiu que este ano, como novidade, as entradas con desconto poderán adquirirse tanto nos despachos de billetes como por medios electrónicos e que o ano pasado o programa Cine Sénior conseguiu incrementar de media un 49% a asistencia ás salas de cine nos martes.

Como lembrou o delegado, o programa Cine Sénior é unha das iniciativas do Goberno en apoio da cultura e da industria cinematográfica, entre as que tamén destacou os máis de 600.000 en axudas concedidas o pasado ano ás salas de exhibición das que se beneficiaron 15 empresas galegas, entre elas a que xestiona os Cantones Cines da cidade da Coruña.

 

0.1098198890686