O delegado de Goberno inaugura a I Xornada Policial sobre a evolución da ciberdelincuencia en Galicia

ACoruñaXa
Pedro Blanco comprométese a reforzar medios, formación e persoal fronte ao delito en liña, xa que un de cada catro crimes en Galicia xa é cibernético
BERGONDO i jornada policial
29 Oct 2025

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, abriu no Pazo de Mariñán a I Xornada Policial sobre a evolución da ciberdelincuencia en Galicia, un foro no que puxo o acento no compromiso do Executivo para incrementar medios, formación e recursos humanos das Forzas e Corpos de Seguridade. Blanco describiu a nova realidade criminal cunha imaxe rotunda: ‘o crime que antes buscaba unha caixa rexistradora ou unha sucursal, agora busca unha pantalla, un móbil, un clic’, e apelou á cooperación entre institucións, empresas e sociedade civil para responder a unha delincuencia que ‘xa non se move só polas rúas, senón tamén polas redes’.

O delegado salientou o papel pioneiro da Policía Nacional: en 1995 creouse o primeiro grupo operativo contra o delito informático e en 2002 botou a andar a Brigada de Investigación Tecnolóxica, hoxe referencia internacional. En Galicia, recordou, existen unidades de investigación tecnolóxica nas catro comisarías provinciais e nas comisarías locais de maior tamaño, con axentes especializados en ámbitos como pornografía infantil, estafas con criptomoedas, ciberacoso, sextorsión ou ataques a empresas e administracións.

Blanco advertiu do crecemento sostido desta criminalidade: a ciberdelincuencia supón xa un de cada catro delitos rexistrados en Galicia e, segundo os datos do Ministerio do Interior, as estafas informáticas medraron por riba do 16% no primeiro semestre do ano, mentres os delitos patrimoniais convencionais continúan á baixa. O impacto no tecido produtivo tamén é salientable: preto do 20% das empresas galegas de dez ou máis traballadores padeceron nalgún momento incidentes de ciberseguridade. ‘Sen seguridade non hai confianza, e sen confianza non hai investimento nin emprego’, subliñou, reivindicando o valor económico da seguridade que achegan os corpos policiais.

Entre as medidas de apoio á cidadanía e ao tecido empresarial, o delegado destacou a posta en marcha do número 017, un servizo gratuíto de asesoramento do INCIBE, dependente do Ministerio de Transformación Dixital, que orienta ante estafas, ataques e riscos na rede. Este recurso complétase con programas de prevención e formación como o Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos, que integra contidos de ciberseguridade para o alumnado.

Na xornada participaron o xefe superior da Policía de Galicia, Jesús Pacheco, responsables do Centro Universitario de Formación da Policía Nacional e do Centro de Investigación Adolfo Suárez, así como mandos policiais, membros da carreira xudicial e fiscal, Garda Civil e representantes de administracións e empresas. Blanco pechou a súa intervención cunha mensaxe política e ética: ‘a seguridade dixital é xa unha fronteira da democracia; protexela é garantir a liberdade, o progreso e o futuro de todos’.

⚙ Configurar cookies
0.071985006332397