O CRAT Arquitectura xogará en A Coruña un partido especial contra a violencia machista

Un ano máis, o CRAT Arquitectura súmase á campaña de sensibilización e promoción do deporte feminino que impulsa a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia. O partido que o equipo feminino disputará este sábado 15 de novembro fronte ao Sevilla Rugby Club dedicarase de maneira explícita a visibilizar a loita contra a violencia de xénero, coincidindo coa proximidade do 25 de novembro (Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller). O encontro está previsto para as 15.00 horas. Como lembra o club, un ano máis sairá ao campo 'placando contra a violencia de xénero'.
Na presentación do partido, celebrada na Coruña, a delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, subliñou que o deporte galego 'é hoxe un espazo de igualdade en constante crecemento, no que as mulleres ocupan cada vez máis protagonismo e inspiran ás novas xeracións'. Nese sentido, recalcou o compromiso do Goberno galego por acompañar o esforzo das deportistas e darlle visibilidade á súa contribución, tanto no ámbito deportivo como no social.
A campaña de Promoción e Sensibilización do Deporte Feminino Galego 2025 desenvólvese mediante contratos de patrocinio e colaboración cos principais clubs galegos de competición estatal, entre eles o CRAT Arquitectura, que actúan como referentes da participación feminina e como altavoces dos valores de igualdade, tolerancia e respecto no deporte. O programa dispón dun orzamento de 250.000 euros para apoiar 23 clubs, dos cales oito pertencen á provincia da Coruña, cunha achega conxunta superior a 83.000 euros. O obxectivo é fortalecer a marca 'Deporte Galego' asociándoa ao esforzo, á superación e á igualdade que representan as deportistas.
Belén do Campo puxo en valor a evolución do deporte feminino en Galicia. Lembrou que no ano 2009 só o 19% das licenzas deportivas eran femininas (42.480 de 224.501) mentres que en 2023 esa cifra ascendeu a 77.660 licenzas dun total de 293.686, o que supón o 26,4%. Tamén aumentou de maneira moi significativa o número de mulleres de alto nivel, que pasaron de 95 en 2011 a 491 na última resolución de 2024. 'A Xunta seguirá acompañando este crecemento con políticas activas de apoio, visibilidade e igualdade', asegurou.
A pesar destes avances, a delegada advertiu de que 'aínda existen diferenzas entre o deporte feminino e masculino, tanto na visibilidade mediática como na igualdade laboral e salarial', polo que insistiu na necesidade de seguir traballando de maneira conxunta para reduciras. O partido do CRAT Arquitectura fronte ao Sevilla Rugby Club quere ser, así, algo máis ca unha cita deportiva: pretende converterse nun símbolo do compromiso de Galicia coa igualdade e coa loita contra a violencia de xénero, e nun espazo para reivindicar o papel das mulleres no deporte e na sociedade.