O CRA de Culleredo recibe unha Mención de Honra no certame ‘Cantemos coas Mans’

O Concello de Culleredo vén de celebrar un novo recoñecemento ao seu alumnado tras a Mención de Honra obtida polo Colexio Rural Agrupado (CRA) de Culleredo na VIII edición do concurso escolar de cancións en lingua de signos Cantemos coas Mans, promovido pola Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG).
O acto institucional de entrega celebrouse esta mañá na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, e contou coa participación do alcalde, José Ramón Rioboo, e da concelleira de Educación e tenente de alcalde, Cristina Pardo. Alí, o CRA de Culleredo foi un dos seis centros galardoados, recoñecido pola calidade da súa proposta.
Este é o segundo premio consecutivo que recibe o centro cullerdense neste certame, despois de resultar gañador na edición anterior. Un feito que, segundo Rioboo, exemplifica o traballo constante do equipo educativo e do alumnado do CRA, aos que quixo felicitar publicamente. O rexedor puxo en valor “o compromiso do Concello cunha educación inclusiva, accesible e igualitaria, algo que se pode ver reflectido neste premio, que é todo un orgullo para o noso municipio”.
Nesta edición participaron arredor dunha vintena de centros de ensino de toda Galicia, entre eles o CEIP Plurilingüe Vila de Rutis, tamén de Culleredo. Aínda que non obtivo premio, o alcalde quixo recoñecer o seu labor e dedicación: “por seu traballo e esforzo en favor da inclusión, defendendo coa súa proposta o dereito a unha educación para todos”.
O acto contou tamén coa presenza de representantes institucionais como Begoña Abeijón, directora xeral de Persoas con Discapacidade; Jacobo Rey, director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica; e Indalecio Cabana, xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade