O CRA de Bergondo organiza na Senra unha charla sobre o impacto das pantallas na infancia

O Auditorio da Senra, en Bergondo, acollerá o martes 25 de novembro unha charla informativa baixo o título 'Como afectan as pantallas no desenvolvemento psicoafectivo de nenos/as e adolescentes'. A sesión, aberta á comunidade educativa e ao público en xeral, está impulsada polo Colexio Rural Agrupado (CRA) de Bergondo, centro público que agrupa as antigas escolas unitarias do concello e escolariza nenos e nenas de 3 a 6 anos.
A conferencia dará comezo ás 17.00 horas e terá unha duración aproximada de media hora. A encargada de conducila será a doutora Marta Carballal Mariño, pediatra especialista en atención primaria, que afondará na relación entre o tempo diante das pantallas e aspectos claves do desenvolvemento emocional, social e afectivo na infancia e na adolescencia.
Durante o encontro, a profesional explicará cales son os efectos dun uso excesivo de móbiles, tabletas, videoxogos ou televisores, como poden influír no sono, na capacidade de concentración ou nas relacións familiares e que sinais de alerta deben ter en conta as familias. Estudos recentes e as novas recomendacións da Asociación Española de Pediatría insisten en atrasar o contacto coas pantallas antes dos 6 anos e en limitar o tempo de exposición a unha hora diaria entre os 6 e os 12 anos, sempre con supervisión adulta.
Co obxectivo de favorecer a asistencia das familias, o CRA de Bergondo habilitará paralelamente un espazo de ocio na propia Senra, atendido por monitores, para que os máis pequenos poidan xogar mentres se desenvolve a charla.
A participación é gratuíta e non é necesario inscribirse con antelación. A entrada será libre ata completar aforo, polo que desde o centro educativo e o Concello de Bergondo animan ás nais, pais e demais persoas interesadas a achegarse para coñecer ferramentas que lles axuden a xestionar dun xeito máis saudable o uso das pantallas no fogar.