O CPI Cruz do Sar de Bergondo celebra o remate do curso cunha xornada festiva chea de deporte

ACoruñaXa
A música veu da man da Agrupación de Música Tradicional de Bergondo, que amenizou a tarde con sons tradicionais
berg-actividades
15 Jun 2025

O alumnado do CPI Cruz do Sar puxo hoxe o broche de ouro ao curso escolar cunha intensa xornada festiva, combinando actividades deportivas, propostas culturais, xogos e espazos de encontro para toda a comunidade educativa.

A celebración arrancou ás 10.30 horas co acto de clausura do proxecto medioambiental de 6º de Primaria, ‘Futuro verde’, que tivo lugar no salón de actos de A Senra. Xa ás 12.00 comezaron as exhibicións deportivas no pavillón do colexio, co grupo de taichí como primeiro participante. A continuación, seguiron os grupos de zumba (12.10), ximnasia rítmica (12.20), taekwondo (12.40), danzas urbanas (13.00) e patinaxe (13.20), completando unha mañá marcada pola actividade física e a implicación do alumnado.

O tempo de lecer continuou pola tarde, de 16.00 a 18.00 horas, na zona do comedor, cunha oferta de partidas de xadrez e obradoiros de robótica para todos os gustos.

Sobre as 14.00 horas, a comunidade educativa trasladouse á zona do monte para compartir un xantar colectivo. Primeiro comeron os nenos e nenas de Educación Infantil e Primaria, e despois fíxoo o alumnado de ESO e os adultos. Para facilitar a organización, permitiuse o acceso de vehículos á zona do monte entre as 9.00 e as 11.00 horas.

Xa pola tarde, tras a comida, desenvolvéronse numerosas actividades lúdicas como inchables, obradoiros, xogos tradicionais ou trikers. A música veu da man da Agrupación de Música Tradicional de Bergondo, que amenizou a tarde con sons tradicionais. O punto final da festa púxoo, ás 20.30 horas, unha animada festa da escuma, coa que se deu por rematado oficialmente o curso 2024/25 entre risas, brincadeiras e moita enerxía.

⚙ Configurar cookies
0.17262697219849