O contacontos 'Kalopsia' achegará a Unión Europea aos cativos de quince concellos da provincia
O contacontos 'Coñece Europa con Kalopsia' percorrerá quince puntos da provincia da Coruña nos vindeiros meses para achegar a Unión Europea a nenos e nenas. Esta actividade forma parte da programación que EUROPE DIRECT A Coruña ofrece aos concellos adheridos á rede 'Europa no teu Concello'. A función visitará os concellos de Cerceda, Narón, Carral, Dodro, Cariño, Boiro, Pontedeume, Rianxo, A Laracha, Negreira, Rois, Valdoviño, Padrón, Dumbría e Lousame.
A iniciativa 'Coñece Europa con Kalopsia' é un obradoiro de contacontos que explica ao público infantil dunha maneira sinxela e entretida o funcionamento e valores da UE. A sesión comezará cun achegamento a algúns contos e libros infantís europeos para coñecer un pouco da tradición literaria da Unión Europea e as diferentes culturas que a compoñen.
De seguido, o público poderá escoitar a narración do libro 'Kalopsia. Un planeta non tan diferente': descubre Europa desde o espacio exterior, editado pola Representación da Comisión Europea en España. O conto está pensando para que os nenos e nenas coñezan a orixe da Unión Europea e entendan que a diversidade é un valor que nos enriquece.
Para rematar, os cativos converteranse en protagonistas e poderán xogar a formar os seus propios países e alianzas. A actividade contará con intérprete de lingua de signos para garantir a accesibilidade.