O Consorcio Provincial Contra Incendios e Salvamento da Coruña converterá a 174 efectivos en persoal fixo

ACoruñaXa
O acordo, que será o pioneiro no ámbito autonómico, recolle tamén o recoñecemento da antigüidade dos traballadores
Imaxe recurso de servizos de emerxencias
5 Abr 2024

O Consorcio Provincial Contra Incendios e Salvamento da Coruña mantivo o xoves unha reunión na que se aprobou por unanimidade o paso a persoal laboral fixo de 174 prazas subrogadas desde o 1 de xaneiro de 2020 das empresas que prestaban o servizo, sendo este o primeiro acordo deste tipo acadado no eido autonómico.

No referido á mesa de negociación, esta estivo integrada polo deputado provincial, José Ramón Rioboo Castro, o subdirector Xeral de Seguridade e Coordinación da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia, Andrés Iglesias López, o xerente do Consorcio, José Luís Barca Añón, e as asesoras xurídicas da entidade Graciela Riveiro e María Luisa Pena, así como agrupacións sindicais representativas dos traballadores e traballadoras.

Neste sentido, durante reunión, mantida nas instalacións do Consorcio en Carballo, acordouse entre a entidade provincial e a parte sindical a incorporación destes 174 profesionais como persoal laboral fixo do Consorcio, así como o recoñecemento da antigüidade dos traballadores e traballadoras.

A formalización da aprobación definitiva terá lugar na vindeira sesión plenaria do Consorcio, programada para o vindeiro 26 de abril.

0.16712999343872