O Consorcio Provincial contra Incendios da Coruña aproba o orzamento de 2026 e defende o proceso das 42 novas prazas de bombeiro

ACoruñaXa
A entidade lembra que as probas foron consensuadas polos catro consorcios galegos, con exercicios físicos semellantes aos doutros servizos, tempos menos esixentes, cinco probas e un sistema de concurso oposición no que os méritos chegan ao 40 % da puntuación
A CORUÑA consorcio incendios
23 Nov 2025

O pleno do Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento da Coruña, reunido este venres na sede da Deputación, deu luz verde ao orzamento de 2026, que supera os 15 millóns de euros. As novas contas consolidadas manteñen a liña de crecemento dos últimos anos e, segundo subliña o organismo, reforzan a estabilidade do servizo e a planificación das necesidades operativas dos dez parques comarcais de bombeiros da provincia.

Ademais, e fóra da orde do día, o pleno abordou o escrito remitido polo comité de empresa en relación co proceso selectivo para cubrir 42 novas prazas de bombeiro convocadas este ano. O Consorcio quixo deixar claro que as bases da convocatoria non se redactaron de maneira unilateral, senón que foron elaboradas e consensuadas polos servizos técnicos dos catro consorcios provinciais de Galicia, co obxectivo de homoxeneizar criterios e garantir unhas probas comúns e equilibradas en toda a comunidade autónoma.

No relativo ás probas físicas, a entidade sinala que son similares ás que se realizan na maioría dos servizos de bombeiros de España e que inclúen varias condicións favorables para as persoas aspirantes: establécense tempos menos esixentes, redúcese o número de exercicios (cinco fronte ás sete probas habituais noutros corpos) e optouse por un sistema de concurso oposición no que a fase de méritos acada o máximo permitido, o 40 % da puntuación total. Na maioría dos servizos estatais, polo contrario, mantense o modelo de oposición pura, sen valoración da experiencia profesional.

Como exemplo, o Consorcio lembra que a proba de natación é exactamente a mesma que utilizou o Concello da Coruña nas oposicións do ano pasado, coa única diferenza de que neste proceso se conceden 15 segundos adicionais para completala, o que supón unha marxe máis ampla a favor dos candidatos.

Á vista destes parámetros, o Consorcio considera que o proceso selectivo cumpre criterios técnicos e obxectivos, comparables aos doutros servizos de ámbito estatal, polo que non ve xustificado vincular a convocatoria ás ameazas sindicais de deixar de realizar horas extraordinarias.

Por último, a entidade provincial destaca que este ano entrou en vigor un novo convenio colectivo que mellora de maneira substancial as condicións laborais: recóllese unha redución da xornada anual en 158 horas e un incremento salarial global superior ao 30 %. Segundo subliña o Consorcio, estas melloras contribúen a afianzar a profesionalización e a estabilidade do cadro de persoal dos parques comarcais da Coruña.

⚙ Configurar cookies
0.071529865264893