O Consorcio As Mariñas pide colaboración cidadá coa fin de mellorar a xestión de residuos

ACoruñaXa
Tras semanas de acumulación de lixo incorrecta, solicitan que se respecte o uso dos contedores e puntos limpos
Imaxe do lixo Consorcio As Mariñas
11 sep 2024

Este mércores o Consorcio As Mariñas, que integra os concellos de Abegondo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada, solicita a colaboración da cidadanía para garantir unha correcta xestión dos residuos. Esta chamada de atención chega tras observarse semanas de mala separación e acumulación inadecuada de lixo nos contedores, especialmente con enseres e voluminosos deixados sen aviso previo e problemas na deposición de cartón.

O Consorcio lembra que non está permitido depositar residuos directamente no chan ou na contorna dos contedores. Todos os materiais deben separarse de acordo coas fraccións establecidas e colocarse dentro do colector correspondente. Este tipo de comportamentos son sancionables pola Brigada Cívica e están recollidos nas ordenanzas municipais como infraccións por abandono e incorrecta entrega de residuos.

En relación co cartón, este debe ser roto ou plegado antes de ser introducido no colector de papel-cartón, para garantir a súa correcta reciclaxe e evitar molestias á veciñanza.

O Consorcio tamén ofrece un servizo semanal gratuíto para a recollida de enseres, mobles e voluminosos a domicilio. Para solicitar este servizo ou resolver dúbidas, os veciños poden chamar ao 981 795 524. Ademais, están dispoñibles oito puntos limpos, un en cada concello do Consorcio, que operan de luns a venres de 9.30 horas a 13.00 horas e de 15.30 horas a 19.00 horas, e os sábados de 9.30 horas a 13.30 horas. Estes puntos limpos permiten aos cidadáns depositar residuos voluminosos, perigosos ou tóxicos sen necesidade de cita previa.

Tamén hai unha rede de minipuntos limpos e un punto limpo móbil, cuxo calendario e localizacións se publican a través das redes sociais e da páxina web do Consorcio As Mariñas.

0.041985988616943