O Consorcio As Mariñas lanza o seu concurso fotográfico para o calendario de 2026

O Consorcio As Mariñas convoca unha nova edición do seu concurso de fotografía para elaborar o calendario de 2026 que distribúe a entidade. A persoa gañadora absoluta recibirá como premio unha tablet.
As persoas interesadas poden remitir ata tres fotografías feitas no ámbito dos concellos que integran o Consorcio As Mariñas: Abegondo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. As imaxes deberán gardar relación co medio ambiente, a paisaxe ou o patrimonio cultural e histórico destes municipio, e han de ser horizontais e en cor.
O prazo está aberto ata o 23 de novembro. O envío realizarase por correo electrónico a comunicacion@consorcioam.org, indicando no asunto 'Concurso Calendario Consorcio As Mariñas 2026'. No corpo do correo deberán figurar nome e apelidos, DNI, enderezo postal e teléfono de contacto. Recoméndase que o arquivo de cada foto inclúa o nome da autoría para facilitar a identificación. Cada participante poderá enviar un máximo de 3 imaxes.
O xurado seleccionará 12 fotografías de 12 participantes diferentes e emitirá o fallo antes do 5 de decembro. Estará composto polo presidente do Consorcio, un fotógrafo de recoñecido prestixio, a xerencia do Consorcio, a técnica de Comunicación e Proxectos e a técnica de Medio Ambiente. Valorarase especialmente a orixinalidade e a calidade técnica dos traballos.
As 12 persoas seleccionadas recibirán por correo ordinario 10 exemplares do calendario 2026. Entre elas escollerase a gañadora absoluta, que se levará a tablet.