O Conservatorio Provincial de Danza da Coruña enche o Colón coa súa gala de fin de curso

O Conservatorio Provincial de Danza da Deputación da Coruña puxo o broche de ouro ao curso académico cunha espectacular gala de fin de curso que conquistou por completo ao público asistente. O Teatro Colón colgou o cartel de “completo” nas dúas funcións dun evento que, ano tras ano, se consolida como unha das citas culturais máis esperadas da cidade.
Nesta edición, a gala presentouse baixo o título Sericum, unha proposta artística que guiou ás persoas espectadoras por unha viaxe evocadora inspirada na antiga Ruta da Seda. A través dunha coidada posta en escena, cargada de simbolismo e sensibilidade, o alumnado do conservatorio fixo vibrar ao público cun espectáculo cheo de cor, movemento e emoción.
Reinos lendarios, princesas, guerreiros, oásis e caravanas comerciais tomaron forma sobre as táboas do Colón, nunha sucesión de coreografías que levaron ao auditorio desde a China antiga ata o Mediterráneo, trenzando un relato de culturas e encontros. "Ese fío invisible que durante séculos uniu culturas, pobos e territorios afastados" serviu de inspiración para unha montaxe que conseguiu envolver e fascinar.
A gala, que mesturou riqueza visual e variedade musical, foi tamén unha mostra do esforzo e talento desenvolvidos ao longo do curso. O entusiasmo do público non se fixo agardar: longos aplausos e ovacións foron a constante nunha velada que evidenciou o nivel artístico e pedagóxico do centro.
Un ano máis, o Conservatorio Provincial de Danza reafirma o seu papel como referente no ensino artístico da provincia e como motor cultural que fomenta a creatividade, a disciplina e o amor pola danza desde idades temperás.