O Conservatorio Municipal de Betanzos recolle firmas para que a Xunta asuma a súa xestión

O Conservatorio Municipal de Música Carlos López García-Picos, de grao elemental, puxo en marcha unha campaña de recollida de firmas para instar á Consellería de Educación a asumir a xestión completa do centro. Esta iniciativa enmárcase dentro dunha reivindicación común a todos os conservatorios municipais de Galicia, que solicitan que a administración autonómica asuma a competencia deste ensino regrado.
A campaña está aberta a toda a cidadanía, sen necesidade de estar vinculado directamente ao Conservatorio. O director do centro, Luis Rivera, explicou que o obxectivo é implicar “a toda a comunidade educativa e social para que se mobilice ante unha petición xusta e necesaria para garantir un funcionamento administrativo adecuado dos conservatorios municipais”.
A alcaldesa de Betanzos, María Barral, subliñou a importancia de que a Xunta asuma “dunha vez por todas” unha competencia que lle corresponde, xa que se trata dun ensino regrado. Segundo indicou, ata agora son os concellos os que están asumindo este servizo sen recibir unha compensación adecuada.
No caso de Betanzos, o Conservatorio supón un custo anual de aproximadamente 180.000 euros para as arcas municipais, dos cales a maior parte destínase ao persoal do centro, composto por seis profesores e un conserxe. O Concello recibe só 32.000 euros da Deputación da Coruña e 4.500 euros das cotas do alumnado, mentres que o resto é asumido directamente pola administración local.
A rexedora destacou que esta situación é insostible para os concellos, que deben facerse cargo dun servizo que non lles compete. Por este motivo, a campaña de recollida de firmas pretende sensibilizar á cidadanía sobre o custo que supón para os betanceiros e betanceiras manter o Conservatorio sen apoio suficiente da Xunta.
Como resposta a esta situación, a administración autonómica habilitou por primeira vez este ano, a través do Fondo Local de Cooperación, unha partida de 700.000 euros a repartir entre todos os conservatorios municipais de Galicia, unha contía que resulta claramente insuficiente para cubrir as necesidades dos centros.
A campaña está promovida polos técnicos dos conservatorios e conta co apoio dos concellos como medida de presión e para visibilizar o problema que están a afrontar as administracións locais ao asumir competencias que non lles corresponden. A alcaldesa espera que a veciñanza de Betanzos se sume activamente a esta iniciativa e apoie a reivindicación coa súa firma.
Barral destacou que a situación do Conservatorio é similar á doutras infraestruturas educativas como a escola municipal infantil, un servizo que o Concello financia case na súa totalidade, a pesar de que a competencia en materia de educación infantil corresponde á Xunta de Galicia.