O Conservatorio de Culleredo transforma a música nun xogo para o alumnado de Primaria

ACoruñaXa
Celebrouse un concerto didáctico destinado ao alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria
cull-concierto-didactico
1 May 2025

O Auditorio Gustav Mahler do Conservatorio Municipal de Música de Culleredo converteuse nun espazo de aprendizaxe e diversión coa celebración de O Gran Concurso Musical, un concerto didáctico destinado ao alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria dos colexios CEIP Plurilingüe Sofía Casanova, CEIP Isaac Díaz Pardo, CEIP Plurilingüe de Tarrío e CEIP Plurilingüe Vila de Rutis. En total, participaron 293 nenas e nenos dentro do programa municipal EducaCulleredo.

Durante a actividade, o profesorado do Conservatorio presentou instrumentos como o piano, clarinete, saxofón, frauta traveseira, violín, percusión ou a voz, cun obxectivo claro: que o alumnado aprendese a recoñecer tanto fisicamente como polo seu son os distintos instrumentos musicais.

Os docentes, transformados en auténticos animadores, propuxeron un xogo de escoita musical centrado en bandas sonoras de películas e series de televisión. Por equipos, os pequenos tiveron que responder a preguntas e poñer a proba o seu oído para distinguir timbres e emocións. A actividade procurou fomentar a reflexión sobre o papel que a música xoga na vida cotiá: como nos acompaña e como inflúe no que sentimos.

A primeira tenente de alcalde e concelleira de Educación, Cristina Pardo, puxo en valor o programa EducaCulleredo, ao que definiu como “un programa municipal para aportar ferramentas extra a as que as pequenas e pequenos poden encontrar dentro das aulas”. Ademais, quixo destacar “o papel educativo” do profesorado do Conservatorio, que “logrou a implicación dos escolares nun concerto que seguro que recordarán moito”.

A xornada deixou unha fonda pegada no alumnado, que aprendeu xogando e gozou da música dende unha perspectiva participativa, reforzando así o compromiso de Culleredo cunha educación máis creativa e transversal.

 

⚙ Configurar cookies
0.15663003921509